O SonRías Baixas recibe o premio á Mellor Estratexia de Comunicación nos Iberian Festival Awards
Por segunda ocasión, o SonRías Baixas vén de recibir un novo recoñecemento nos Iberian Festival Awards, celebrados o pasado sábado en Lisboa. O festival, organizado pola promotora bueuesa PlayPlan, alzouse co Premio á Mellor Estratexia de Comunicación e Marketing. Este novo galardón súmase ao Premio á Excelencia que o codirector do evento, Jordi Lauren, xa conseguira no 2020 pola súa relevancia na industria dos festivais de España e Portugal.
Os responsables da dirección do SonRías, Jordi Lauren e Berta Domínguez, destacan a importancia da comunicación para o festival. "Entendemos que, arredor da mesma, xira practicamente todo: a transmisión de medidas de seguridade, especialmente nestes dous últimos anos, a atención ao público, a escoita activa ou a promoción de bandas emerxentes e consolidadas", engaden.

Tanto Domínguez como Lauren fan fincapé en que o éxito do festival non se debe só a asistencia de público, senón tamén "a capacidade de tecer rede e conectar con todas e cada unha das persoas asistentes coas medidas e estratexias de comunicación trazadas". Nesta liña sinalan a aplicación de políticas de igualdade, reciclaxe, sustentabilidade ou alianzas con marcas e a difusión do turismo. "É un importante recoñecemento ao traballo de todo un equipo", conclúen.
Os Iberian Festival Awards recoñecen o labor de promotoras, eventos, artistas e marcas da industria de festivais en España e Portugal. O premio que vén de recibir o SonRías foi outorgado en anteriores ocasións a eventos como o Primavera Sound ou o Dreambeach Festival, polo que sitúa a PlayPlan Cultural como unha das propostas máis destacadas do panorama musical.
Con este novo recoñecemento, o SonRías consolídase como un dos eventos de música ao vivo máis destacados. Este verán recuperará o seu gran formato cunha programación na que destacan grupos como Kase.O, Rayden, Tanxugueiras, La M.O.D.A. ou Arnau Griso. O evento será o 4,5 e 6 de agosto e xa ten as entradas á venda.





Comentarios