top of page

O SonRías incorpora doce artistas como La M.O.D.A. e Rels B e presenta o cartel por días

17 mar 2022
2 min de lectura

O festival recupera o seu formato habitual o 4, 5, e 6 de agosto e as entradas por días saen á venda este venres ás 12.00 horas


A música en directo conquistará Bueu este verán da man do SonRías Baixas, que volverá ao seu formato habitual. Este xoves, o festival presentou unha ducia de bandas que se incorporan ao cartel do festival. Artistas como La M.O.D.A., Rels B, Eskorzo, Sofía Gabanna, Ciudad Jara, Sara Hebe, Bala, Suu, JazzWoman, Emlan, Maurino e Cool Nenas encherán de enerxía as tres noites da cita musical. Súmanse aos xa confirmados: Tanxugueiras, Kase.O, Rayden, Buhos, Arnau Griso, García Mc & Nación Quilombo e Balkan Paradise Orchestra.



Cartel do SonRías por días. Imaxe: SonRías.


O festival ofrece tres xornadas de concertos, zona de acampada xunto un cartel que definen como "propostas variadas e para todos os públicos, conformado por un feixe de artistas consagrados ou noveles". Ademais, os estilos musicais son variados e van desde o rap e o rock ata o pop e a música de raíz.


Concertos por días

O SonRías comezará o xoves 4 de agosto cunha noite musical de ritmos urbanos e cunha aposta por artistas novos con carreiras emerxentes. As persoas asistentes gozarán do pop urbano de Rels B, con millóns de seguidores así como do rap arxentino de Sofía Gabanna. Polo escenario tamén pasará a rapeira valenciana JazzWoman coas súas letras de denuncia social, o "future latin" de Maurino e a enerxía de Cool Nenas.


O venres 5, a xornada traerá a potencia e enerxía de Kase.O, a lírica de Rayden e o directo de Ciudad Jara, que presentará o seu novo disco "Cinema". A noite complétase con Buhos, un grupo festivo de referencia; Bala, co seu rock/metal alternativo; Emlan, cun show de rock, pop e espectáculo; e García Mc & Nación Quilombo, que presentará "Arquipélago Quilombo".




O festival rematará o sábado 6 coa actuación de Tanxugueiras, o trío de pandeireteiras que vive unha revolución da música tradicional galega; La M.O.D.A., que presentará "Nuevo Cancionero Burgalés" no seu potente directo ou Arnau Griso, co seu concerto de despedida en Galicia. Polo escenario tamén pasarán Sara Hebe, co seu único concerto en Galicia este verán; Eskorzo, que trae un enérxico directo para o público; Balkan Paradise Orchestra; cos seus ventos e percusións e Suu, acompañada polo seu ukelele e referente na música catalá.



Abonos e entradas

Este venres, ás 12.00 horas, saen á venda as entradas por días na web oficial do festival . Este tipo de tíckets teñen un prezo desde 30 euros (máis gastos de xestión).


Ademais, seguen dispoñibles os últimos abonos de tres días a prezo reducido de 45 euros (máis gastos de xestión), que tamén permiten o acceso á zona de acampada. O público ten dispoñible a promoción de precarga da súa pulseira cashless, o sistema único de pago no recinto.


Sen fronteiras

Ao igual que o éxito de Tanxugueiras, o festival bueués, organizado pola promotora PlayPlan, non coñece de fronteiras e é finalista en tres categorías da sexta edición dos Iberian Festival Awards, os premios que cada ano recoñecen aos mellores festivais de España e Portugal. O SonRías conta con tres candidaturas: Best Communication & Marketing Strategy (Mellor estratexia de comunicación e marketing), Best Hosting and Reception (Mellor hospedaxe e recepción) e Best Use of Technology: Enterticket | Idasfest (Mellor uso da tecnoloxía).



Comentarios


bottom of page