top of page

Tanxugueiras estará no SonRías Baixas 2022

2 feb 2022
2 min de lectura

Despois do seu gran éxito no Benidorm Fest, o festival SonRías Baixas vén de confirmar a presenza de Tanxugueiras na edición deste verán, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de agosto de 2022. O grupo integrado polas tres cantareiras convértese nunha das grandes apostas do festival, que recuperará o seu formato habitual este verán e que traerá de novo a música en directo á vila. Tanxugueiras súmase a artistas xa confirmados como Rayden, Kase.O ou Arnau Griso. As entradas xa están á venda na web do festival.





Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, integrantes de Tanxugueiras, manteñen fortes ligazóns co municipio. A axencia e produtora PlayPlan, con sede en Bueu, son os encargados da súa representación e foron tamén parte fundamental do equipo que as acompañou durante a celebración do Benidorm Fest a pasada fin de semana. Tanxugueiras incluso visitou con anterioridade centros educativos da vila, como o CEIP Plurilingüe A Torre ou o instituto Johan Carballeira.



Tanxugueiras. Imaxe: Rocío Cibes

O seu paso polo Benidorm Fest levounas a consolidarse como as favoritas do público co seu tema Terra, mais a decisión do xurado impediu que se converteran nas representantes de España no festival de Eurovisión. Tanxugueiras chega ao SonRías avaladas por éxitos como Midas, Figa ou Terra (máis de once millóns de escoitas en plataformas dixitais), que formarán parte do seu novo disco que verá a luz no 2022 e co que presentarán a "Xira Midas", que definen como un potentísimo show.




Esta tarde a conta oficial do grupo lanzou unha mensaxe en Twitter onde revelaron que hoxe ían anunciar unha nova data nun festival galego. Foron moitos os usuarios que rapidamente responderon que sería o SonRías Baixas, polas pistas que contiña a mensaxe. O grupo estivo presente en anteriores edicións, pero sempre colaborando con outros artistas como, por exemplo, La Pegatina.


Tanxugueiras súmase aos artistas xa confirmados: Kase.O, Rayden, Arnau Griso, Balkan Paradise Orchestra, Buhos e García MC & Nación Quilombo. Cómpre mencionar que Rayden, que tamén se presentou ao Benidorm Fest con Calle de la llorería, mantén unha boa relación co grupo Tanxugueiras. A nivel profesional veñen de estrear xuntos a canción Averno, que xa superou o millón de visualizacións en Youtube.





Entradas

Os abonos para o festival xa están dispoñibles na súa web, a un prezo de 45 euros (máis gastos de xestión). As entradas da edición de 2020, que tivo que ser cancelada pola pandemia, son válidas para o festival deste 2022.


Desconto para os usuarios do Carné Xove

Ademais, a partir de mañá todas as persoas usuarias do Carné Xove que utilicen o código "CARNEXOVEFESTIVAIS" poderán gozar dun 15% de desconto na compra das primeiras entradas dos eventos que forman parte da Asociación Festivais de Galicia, a raíz da colaboración que dita asociación leva a cabo coa Xunta de Galicia. Os detalles concretos poderanse consultar na web xuventude.xunta.es.

Comentarios


bottom of page