Bueu presenta a Semana da Cultura Mariñeira con múltiples eventos e recupera a procesión marítima
A vindeira fin de semana Bueu vivirá a súa semana grande do verán coa celebración das III Semana da Cultura Mariñeira, organizada polo Concello e que procura poñer en valor o mar e as súas xente. Ademais do regreso ao grande das tradicionais festas do Carme e das Dores, haberá actuacións musicais, obradoiros de arte mariñeira ou verbenas. Tamén eventos doutros ámbitos como o campionato de drons ou a travesía a nado Udra-Pescadoira. Todos eles foron presentados esta mañá nun acto conxunto no que destacou o anuncio da recuperación da procesión marítima do Carme, que leva sen realizarse desde o 2018, e na que o Concello tamén porá a disposición da veciñanza un catamarán de xeito gratuíto.
As festas, organizadas polo Concello, a Comisión Bueu en Festas e a confraría de pescadores San Martiño, comezarán o sábado cos oficios relixiosos pola mañá, coa misa na Igrexa Parroquial de San Martiño ás 12.00 horas e coa posterior procesión ata a lonxa coa compañía da Banda de Gaitas de Manxadoira e a Banda de Tambores. A procesión marítima terá lugar o sábado pola tarde, tralo oficio da misa na lonxa ás 18.00 horas, tal e como anunciou o patrón maior, José Manuel Rosas. El mesmo adiantou que ademais da imaxe principal da virxe, tamén sairá unha réplica da virxe doada por Juan Veiga, unha talla familiar de porcelana.
A principal novidade chegou co anuncio por parte do rexedor, Félix Juncal, de que haberá a disposición da veciñanza un catamarán con 250 prazas para que as persoas empadroadas na vila que o desexen poidan participar e gozar da procesión mariñeira. "Esta festa representa algo moi especial para unha vila mariñeira como a nosa, que adquiren unha dimensión nova e diferente, porque vén xusto despois de dous anos moi complexos", indicou Juncal. Para facer uso do barco, as persoas interesadas deberán inscribirse no rexistro xeral do Concello a partir do luns. Juncal tamén apela á prudencia dos participantes e sinala que "non se trata dun paseo pola ría", para que se apunten as persoas interesadas na procesión.
A verbena da noite estará amenizada pola orquestra Ipanema, que comezará o primeiro pase ás 22.00 horas no Centro Social do Mar. A pausa será ás 23.50 horas para dar paso ao espectáculo pirotécnico desde a praia da Banda do Río.

O domingo, na festividade das Dores, a charanga "A cabesa non para" amenizará as rúas pola mañá, antes dos oficios relixiosos na igrexa parroquial. Pola noite, chegará a música da man do concerto de Guadi Galego, encadrado dentro do programa Musigal da Deputación.
Durante as festas as atraccións estarán instaladas na zona das Lagoas, para que a cativada goce delas, xa que "son un símbolo destas festas", en palabras de Xosé Leal, que tamén apelou á paciencia cidadá, polo peche do aparcadoiro desde o luns 11 ás 14.00 horas ata o luns 18.00 ás 22.00 horas.

O párroco da vila, José López, quixo destacar o poder asociativo para realizar as festas, así como a importancia "de que a virxe saía ás rúas e ao mar". Tamén tivo un recordo para os que perderon a vida no mar e especialmente para Fernando Santomé, falecido no tráxico suceso do Villa de Pitanxo.
Dentro da Semana da Cultura Mariñeira, ademais das tradicionais festas, un dos seus piares será o eido artístico coa celebración do obradoiro "Marearte", a cargo do artista local Tino Resille. Será do 11 ao 15 de xullo no Centro de Interpretación de Agrelo, dirixido á rapaza de sete anos en diante, e no que converterán en obxectos artísticos refugallos das praias. A actividade terá horario de 10 a 13 horas e as inscricións deberán facerse no correo cultura@concellodebueu.gal.
Tal e como sinalou o edil de Cultura, Xosé Leal, a Semana Mariñeira recuperará á vez a navegación de embarcacións tradicionais da man da Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos, o xoves 14 de xullo. Haberá dúas saídas ás 17.00 e 1800 horas e é necesario inscribirse no enderezo cultura@concellodebueu.gal.

Coincidindo nesa semana, a programación estival Espazo Convida tamén seguirá como eixo o mar e as propostas serán no exterior do Centro Social do Mar. O 12 de xullo terá lugar o espectáculo "Ikigai" de SU.MA, o 13 a proxección do filme "Buscando a Dori" na praza Massó, o 14 a obra "Asdomare" e rematarán o venres co concerto do grupo La Quinkillada, un dos grandes atractivos para a mocidade.
Campionato de Drons
O espectáculo aéreo está garantido da man da quinta edición do Gaelic Dron GP, que se desenvolverá no recinto da Estacada. É o único evento destas características celebrado este ano en territorio nacional, como destacan desde a organización da man do Aero Dron Club Bueu.
Ademais, este ano contará coa participación de pilotos como o subcampión do mundo e o campión e o subcampión de España, que é membro do club bueués. Outro dos grandes atractivos será o espectáculo nocturno, grazas ao emprego de luces LED, e que parará durante o espectáculo de pirotecnia das Festas do Carme.
Travesía a nado Udra-Pescadoira
O lado deportivo da vindeira fin de semana chegará o sábado 16 coa celebración da XII Travesía a Nado Udra-Pescadoira, en prol da recuperación de Pescadoira. Organizado polo Club Corredoiras e o Concello, a proba terá tres saídas: desde a praia de Ancoradouro, cunha distancia de 7.500 metros, desde Mourisca con 4.000 metros de distancia e desde a praia de Beluso, con 1.500 metros de percorrido.
Concerto de corais
A música coral tamén será protagonista na Semana da Cultura Mariñeira. O Centro Social do Mar acolle o venres 15, ás 20.00 horas, o XIII concerto de corais "O son do mar", organizado pola Coral Polifónica de Bueu. Neste concerto participarán o Orfeón de Moaña, a Coral Polifónica Vagalume Santa María de Oia e a Coral Polifónica de Bueu. A presidenta deste último colectivo, Rosario Álvarez, destacou esta mañá a importancia de recuperar o evento, despois da pausa obrigada pola pandemia.





Comentarios