Bueu recibirá 51.786€ do Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios da Deputación
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou esta mañá as bases para o Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais para 51 concellos de menos de 20.000 habitantes. O plan inclúe o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) así como a contratación de persoal dos Servizos Sociais dos concellos beneficiados na provincia. No caso de Bueu, a Deputación destinará un total de 51.786 euros.
A Deputación aportará preto de 2,5 millóns entre todos os municipios. O plan asigna 1,2 millóns de euros (1.254.750€) para sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar nos domicilios por parte do persoal especializado, e outros 1,2 millóns (1.226.324€) para cubrir os custos do persoal dos Servizos Sociais Comunitarios, coa finalidade de garantir unha prestación pública de calidade neste ámbito.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou esta mañá que a principal novidade neste 2022 estará no apartado de persoal, no que a Deputación estenderá o financiamento do perfil da persoa auxiliar administrativa a todos os municipios. Silva incidiu en que se contribúe así a "axilizar os procesos administrativos dos Servizos Sociais Comunitarios, que se atopan desbordados, moito máis agora que aínda estamos a sufrir a covid e as súas consecuencias".
Ademais de Bueu, o outro municipio da comarca beneficiario do plan é Moaña, que recibirá 80.959 euros.





Comentarios