top of page

Bueu tínguese de verde no Día Mundial contra o Cancro

4 feb 2022
2 min de lectura

Hoxe, 4 de febreiro, celébrase o Día Mundial contra o Cancro e a vila acolle diferentes actos para a súa conmemoración. Onte pola tarde, membros da corporación local e representantes da Xunta Local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) participaron no alumeado de cor verde da fonte cibernética da Praza Massó.



Membros da corporación no alumeado da fonte cibernética de cor verde. Imaxe: Xornal de Bueu.

No acto estiveron presentes o alcalde, Félix Juncal; a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana Isabel Otero; o concelleiro de Cultura e Medio Ambiente, Xosé Leal; o concelleiro de Patrimonio, Alberto Moital; o concelleiro de Deportes, Ricardo Verde e o concelleiro de Facenda e vicealcalde, Julio Villanueva. Tamén estiveron presentes os edís do PP: Elena Estévez, María del Carmen Núñez, Jesús Rodríguez e María Blanco.


Ademais do alumeado da fonte, a AECC tiña previsto colocar unha mesa informativa esta mañá nas proximidades da Praza de Abastos. A finalidade é ofrecer información a todas aquelas persoas que se acheguen.


En cifras...

A Sociedad Española de Oncología Médica, con motivo do Día contra o Cancro, editou un informe anual que recolle a incidencia do cancro no país. A entidade estima que este 2022 rexistraranse 280.100 novos casos de cáncer en España, un lixero incremento con respecto aos 276.239 rexistrados no 2021.


Outro dos documentos máis relevantes é o Atlas of Cancer Mortality in Spain and Portugal. Trátase dunha investigación que identifica o risco relativo de falecer por determinados tumores en España e Portugal, en base a un estudo realizado entre os anos 2003 e 2012.


O mapa permítenos observar que en Bueu existen maiores riscos para os cancros de estómago, esófago e páncreas. Isto non ten que ver co número de tumores diagnosticados, senón co seu prognóstico. O atlas sitúa un risco de falecemento máis baixo en Bueu para tumores como o de larinxe, mama ou vexiga así como de leucemia. Nun punto medio de risco o mapa inclúe o cancro de próstata, pulmón e o colorrectal.

Comentarios


bottom of page