Comeza a campaña contra a velutina co reparto de 200 trampas
O Concello de Bueu e a Asociación Galega de Apicultores (AGA) inician esta semana a súa colaboración anual para loitar contra a vespa velutina. Os actos públicos, que chegarán ás tres parroquias, comezan mañá cunha xuntanza na Casa do Pobo de Beluso ás 20:30 horas. O xoves seguen no Centro Social do Mar e o venres no Centro Sociocultural de Cela, comezando á mesma hora.
O colectivo comarcal de AGA remarca a necesidade de concienciación da cidadanía co obxectivo de que a colocación das trampas impida a proliferación dos niños. Por ese motivo, repartirán 200 trampas e líquido, que poderán ser recollidos nos actos desta semana. Recomendan tamén levar unha bolsa para evitar o uso innecesario de plástico.

O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Leal, fai un chamamento á veciñanza para que participe nesta campaña. "Está demostrado que as trampas reducen a proliferación de niños, temos que incidir na prevención máis ca na retirada", explica Leal.
Esta non será a primeira vez que a entidade municipal colabore coa Asociación Galega de Apicultores. Ademais do habitual reparto de trampas, tamén se celebraron coloquios informativos sobre a vespa velutina.





Comentarios