Como afecta a sexta onda da covid a Bueu?
Ao igual que en toda Galicia e España, Bueu non foi alleo ao incremento de casos que propiciou a xa coñecida como sexta vaga do coronavirus. O 12 de outubro a vila conseguía declararse "libre" da covid, ao non contabilizarse ningún caso activo. Unha situación posible grazas ao pulo da vacinación e outras medidas preventivas, como o emprego da máscara. Actualmente, o municipio rexistra 230 casos activos, segundo os últimos datos facilitados pola Xerencia da EOXI Pontevedra-Salnés.
Un mes despois de lograr acadar cero casos, a Xerencia da EOXI Pontevedra-Salnés rexistrou o 19 de novembro dous casos activos por covid en Bueu. Desde aquel momento, o incremento de casos foi constante, se ben a un ritmo máis lento do que se acadou despois.
Once días máis tarde, o 29 de novembro, existían 34 contaxiados. O municipio comezou decembro con 63 casos activos. En dúas semanas, a cifra case se triplicou e o día 14 de decembro Bueu sumaba 171 casos.
Pódese identificar un primeiro pico de contaxios o día 14 de decembro, cando a EOXI comunicou 171 casos activos no municipio. A partir desa data entrase nunha etapa de certa inestabilidade, onde tras seis días de baixadas e subidas oscilantes, o 22 de decembro vólvese acadar unha cifra próxima ao pico, con 170 casos activos. Maila que nos tres días seguintes os contaxios baixan, a partir do 26 de decembro a tendencia volve a ser á alza. O 30 de decembro rómpese a barreira das dúas centenas e Bueu sitúase con 211 casos activos, 17 máis que o día anterior.
Os datos máis recentes, do 2 de xaneiro, indican que se acadou o máximo de casos activos no municipio ata o momento, con 230. Os contaxios a sete e catorce días, segundo os datos do Sergas, tamén son os máis altos ata o momento, con 128 e 206 respectivamente. Está por ver a evolución nos próximos días, para coñecer cando a vila acadará o "pico" de casos.
O pulo da vacinación
O desenvolvemento da sexta vaga está incrementando o número de persoas vacinadas no municipio, tanto coa primeira dose como coa pauta completa. De toda a comarca do Morrazo, Bueu presenta unha das mellores cifras de vacinación cun 93,72% da poboación coa pauta completa.
O 26 de novembro, un 92'74% da poboación diana bueuesa contaba coa dobre dose e un 93'61% cunha dose da vacina contra a covid. O 28 de novembro, tras recibir o aval do Tribunal Superior de Xustiza Galega (TSXG), entrou en vigor a normativa que facía obrigatorio o uso do certificado de vacinación para acceder a restaurantes e bares (nestes últimos a partir das nove da noite).
Esta medida, xunto coa expansión da sexta vaga, tivo repercusións no incremento da vacinación. En Bueu, sete días despois, a porcentaxe de vacinados coa pauta completa subiu a un 93'12% e a un 94,15%, tal e como reflexa o seguinte gráfico.
Se poñemos en contexto a situación cos demais municipios da comarca do Morrazo, Bueu mostra a mellor porcentaxe de persoas vacinadas coa pauta completa, cun 93,72%, segundo os datos do Sergas do 3 de xaneiro. Nas vilas veciñas, non existe ningunha que se aproxime ao 93%. Marín conta cun 91, 84% e Moaña cun 91,69%, mentres que Cangas acada o 91,25%.
No caso da poboación diana que recibiu polo menos unha dose, Bueu continúa liderando os datos da comarca. Tal e como se observa na seguinte imaxe, a día 3 de xaneiro, un 94,87% de bueueses recibiron polo menos unha dose da vacina. En Marín un 93,04% da poboación, un 92,83% en Moaña e un 92,71% en Cangas.
Ademais das chamadas aos aínda non vacinados, Galicia está nestes momentos citando e administrando a terceira dose de reforzo á franxa de idade de 40 a 50 anos. No caso de Bueu, a poboación debe acudir ao "vacinódromo" situado no edificio administrativo da Xunta en Campolongo, Pontevedra.
Alí tamén se están administrando as doses aos menores de 12 anos. A Consellería de Sanidade informou que mañá martes comezará a administrar 36.271 doses á poboación de entre sete e nove anos. Na área sanitaria de Pontevedra está previsto administrar 4.320 doses nos vindeiros días. A Consellería tamén apunta a que se seguirá citando ás persoas en idade pediátrica.
Casos leves
As primeiras informacións sobre a nova variante da covid, coñecida como Ómicron, apuntan que está a causar sintomatoloxía leve, propiciada á vez pola vacinación, que impide que existan un maior número de casos graves. Porén, haberá que agardar para ver como se traducen os casos detectados na evolución dos hospitais. Na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés contabilízanse hoxe 35 hospitalizados en planta e 10 en coidados intensivos.
Novo protocolo
Nos últimos días rexistráronse certos cambios nos protocolos, reducíndose a corentena a sete días. Ademais, os tests de antíxenos xa son unha ferramenta para confirmar un positivo. Para declarar o resultado positivo dun test deste tipo cómpre chamar ao 881540045 e illarse no domicilio.
Tamén hai novidades para os contactos estreitos. Non terán que realizar corentena os vacinados coa pauta completa ou cunha dose de Janssen. Tampouco os asintomáticos que pasaran a infección nos 180 días anteriores ou o persoal de centros sanitarios xa vacinados e que empregan EPI.





Comentarios