Conta atrás para a XXI Festa do Polbo
A cita gastronómica ofrecerá unha vintena de especialidades e actividades paralelas
O Concello de Bueu e a Confraría de Pescadores San Martiño presentaron esta mañá o programa da XXI Festa do Polbo, que se celebrará do 13 ao 15 de agosto no aparcadoiro de As Lagoas. Despois de dous anos se poder levarse a cabo pola pandemia, a agardada festa gastronómica ofrecerá máis dunha vintena de especialidades co cefalópodo como protagonista. Paralelamente, destaca a programación cultural e festiva, coa colaboración de "moitísimos colectivos da vila", tal e como destacou esta mañá a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo.

Esta edición contará cos postos de O Rincón de Cela, Casa Acuña e Rosa de los Vientos, que estarán abertos o sábado, domingo e luns de 12.30 a 16.30 horas e de 19.30 a 00.00 horas. Nese horario, as persoas poderán degustar as especialidades.
Paralelamente, a XXI Festa do Polbo contará con diversas propostas culturais e artísticas. O venres haberá unha ruta gastronómica baixo o nome de "Bueu e o polbo" que percorrerá o proceso desde a captura ata a súa preparación, visitando espazos como a lonxa, o Museo Massó ou a Praza de Abastos, onde rematará coa degustación dunha tapa. O custe é de seis euros e é necesario inscribirse na Oficina de Turismo ou na web do Concello.
A inauguración oficial da festa será o sábado ás 12 horas, coa lectura do pregón a cargo do xornalista Fran Cañotas, actualmente presentador do programa "Quen anda aí?". Previamente, ás 11 horas terá lugar a descuberta do polbo artístico feito e doado polo curso de talla de Bon, que será instalado na fachada da Praza de Abastos. Este cefalópodo destaca polas súas cores, aludindo á camuflaxe do polbo, así como polos sete tentáculos en lugar dos oito habituais, representando as antigas parroquias. A parte musical chegará ás 11.15 horas coa actuación e pasarrúas da banda de gaitas de Retrouso e ás 21.00 horas coa Charanga Barafunda.

O domingo, ás 11.30 horas, o Club de Atletismo Corredoiras organizará diversos xogos tradicionais. Ás 12 horas será a quenda doutra das novidades desta edición, o desfile e espectáculo cun Polbo Xigante. Trátase dun cefalópodo de quince metros e elaborado con globos biodegradables, que percorrerá as rúas da vila.
A festa continuará o luns, día festivo, coa actuación da Charanga Noroeste ás 12 horas e con actividades infantís ás 20.30 horas. Nelas poderán participar nenos e nenas presentando os tíckets de compra da festa e haberá persoal especializado en necesidades especiais.
Durante os tres días tamén haberá lambetadas elaboradas con millo corvo da man da Asociación Cultural e Deportiva de Meiro, así como unha alfombra floral na rúa Johan Carballeira elaborada pola Asociación Cunchas e Flores.

O acto de presentación, no que estiveron representantes de todos os colectivos implicados, tivo lugar no estaleiro da Banda do Río. Alí, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo, destacou a "importancia de recuperar a festa con plena normalidade tras dúas edicións reducidas pola pandemia" á vez que fixo fincapé na unión de forzas desta edición xa que "cos colectivos da vila sumamos esforzos".
A mesma idea foi compartida polo alcalde, Félix Juncal, que recordou as orixes da cita gastronómica "para reivindicar un produto tan noso como polbo" á vez que "beneficia á súa comercialización". Juncal tamén reiterou a nova dimensión que acadou o evento "unindo a actividade social, festiva, gastronómica e cultura, dando lugar á receita máis saborosa posible".
O presidente da Confraría, José Manuel Rosas, agradeceu o labor do Concello e a implicación dos colectivos, así como a relevancia de "poñer en valor un produto tan importante para a economía de Bueu".
Tres postos con máis de vinte especialidades
Sobre os pratos a degustar, Rosa de los Vientos ofrecerá empanada, croquetas de polbo á feira, arroz de polbo e fabas con polbo por 8 euros, mentres que a 12 euros haberá polbo á prancha con cachelos, polbo frito en Aires de Jaén, polbo á galega e á feira.
Pola súa parte, O Rincón de Cela disporá de empanada, croquetas de polbo, salpicón de polbo e salteado de setas con polbo, todas a 8 euros, mentres a 12 euros terá polbo á feira, á prancha, en caldeirada, pizza de polbo, ensalada de polbo e tortilla de polbo.

No posto de Casa Acuña poderá adquirirse por 8 euros empanada, croquetas, tosta de polbo con queixo tetilla, arroz de polbo e pizza de polbo. Os pratos de 12 euros serán polbo á feira, polbo e Arzúa, en caldeirada, encebolado e salpicón de polbo.





Comentarios