Costumes de Cela convoca o terceiro concurso de microrrelatos polo Día das Letras Galegas
A Asociación Cultural Costumes de Cela vén de informar da convocatoria do "III Concurso de Micro-Relatos", organizado con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o vindeiro 17 de maio. O prazo para a presentación dos traballos abriu onte e remata o 10 de maio.
Os participantes deberán presentar microrrelatos escritos en lingua galega e a temática común deste ano é o exilio, inspirándose na obra de Florencio Delgado Gurriarán, poeta ao que se lle homenaxea co Día das Letras deste 2022. Delgado foi unha figura fundamental do exilio mexicano nos anos 30, fuxindo da represión en 1936 na comarca de Valdeorras.
Os microrrelatos que se presenten ao certame de Costumes de Cela teñen que ser orixinais e inéditos, polo que non se poden publicar antes de que se coñezan aos finalistas. Ademais, a súa extensión máxima debe ser de 150 palabras e cada persoa pode presentar un só relato, que terá que enviar en formato PDF ao correo costumesdecela@hotmail.com. Todos estes detalles están expostos nas bases do concurso, que se poden consultar nas redes sociais da asociación.

O xurado desta edición está composto por Tensi Gesteira, xornalista e responsable do blog literario Lecturafilia, Manuel Menduiña, encargado da biblioteca de Cela e licenciado en Filoloxía Hispánica e José Luis Martínez, mestre no instituto Johan Carballeira. Finalmente, a entrega de premios será o vindeiro 21 de maio no Adro de Cela, onde se darán a coñecer os dous relatos finalistas.





Comentarios