Descubrir os cambios a través dos mapas: Bueu visto desde o aire nos anos 50
Igual que as imaxes antigas de fotógrafos como Wunderlich ou Anderson, as fotografías aéreas constitúen outra ferramenta imprescindible para indagar no pasado da vila. Permiten observar os cambios que o paso do tempo foi propiciando, como a ampliación dos núcleos de poboación ou o mantemento das vías de comunicación.
Como era o Bueu de fai 60 anos visto desde o aire?
A web de Información Xeográfica de Galicia ten a resposta. Nela pódense atopar as imaxes tomadas polo coñecido como voo americano de 1956 e 1957, realizado durante o franquismo polo Army Map Service. Sobrevoouse o territorio español a 5.000 metros de altura durante 4.533 horas de voo. Aínda que a finalidade nesas datas era militar, o proxecto deixou importantes imaxes a vista de paxaro que hoxe son empregadas para analizar a evolución histórica das vilas.
Estas fotografías permiten observar os cambios dos terreos e do parcelamento, da evolución urbanística da vila ou do trazados das vías. Deixan tamén constancia das variacións na natureza, como nas praias ou nos montes.
Nas seguintes imaxes interactivas podes coñecer como evolucionaron diferentes lugares de Bueu. Empregouse unha comparativa entre as fotografías aéreas do voo americano de 1956-57 e as últimas dispoñibles do Plan Nacional de Ortografía Aérea (PNOA), do 2020. Para observar os cambios debes deslizar o círculo para a esquerda ou a dereita, contrapoñendo así a fotografía antiga e a actual.
1. Zonas de Beluso (comparativa entre 2020 e 1956-57)
2. Zonas de Cela (comparativa entre 2020 e 1956-57)
3. Cabo Udra (comparativa entre 2020 e 1956-57)
4. Ons (comparativa entre 2020 e 1956-57)
5. Zona de Meiro (comparativa entre 2020 e 1956-57)
No Arquivo Dixital de Galicia tamén se recollen fotografías aéreas dos anos posteriores. De Bueu, por exemplo, atópanse as seguintes que datan de 1965.





Comentarios