top of page

Día do Libro con "Dous aulas de ioga por videoconferencia" e "O país da choiva"

21 abr 2022
2 min de lectura

O vindeiro sábado 23 de abril celébrase o Día Internacional do Libro. Ata o de agora, hai dous actos confirmados na vila para a conmemoración desta data literaria. O propio sábado terá lugar a presentación do libro "O país da choiva", mentres que o luns será a quenda de "Dous aulas de ioga por videoconferencia", poemario gañador do XXIV Premio Johán Carballeira de Poesía.


A primeira cita literaria será na Sala Multiusos do Centro Social do Mar (12.00 horas). A presentación de "O país da choiva", organizada por Librería Miranda, contará coa participación do autor, Miguel Anxo Alonso Diz; a ilustradora da obra, Luz Beloso e a editora de Antela, Alba de Evan Freijedo. Esta novela xuvenil afonda na importancia da lingua, e da súa integración dentro da herdanza cultural. Ademais, dun xeito delicado tamén aborda a problemática da perda de falantes da lingua.


Dous días despois, o luns 25, chegará á vila o poemario "Dous aulas de ioga por videoconferencia", nunha presentación organizada polo Concello na mesma sala do Centro Social (20.30 horas). A obra, escrita por Xandra Táboas Martínez e Adriam Mosqueira Paços, resultou gañadora do XXIV Premio Johán Carballeira de Poesía, celebrado no 2021. No acto intervirán a autora, Xandra Táboas xunto ao concelleiro de Cultura, Xosé Leal.


"Dous aulas de ioga por videoconferencia", publicado por Xerais, é unha proposta poética na que os autores constrúen un diálogo fresco e diferente que explora, en clave irónica, o tempo actual e o carácter deshumanizado da sociedade. Todo isto baixo unha perspectiva experimental e iconoclasta.




A viguesa Xándra Táboas é creadora, crítica e investigadora escénica, con creacións nas que emprega poesía, instalacións ou artes do movemento. Por outra parte, Adriam Mosqueira, diplomado en Educación Social, conta con libros como "Fora de control", "Labirintos do silêncio" ou "Para o pobre sempre é noite".


Premios Johán Carballeira

Nos vindeiros días reuniranse os xurados que decidirán os gañadores ou gañadoras dos Premios Johán Carballeira deste ano, que recibiron 73 traballos. Precisamente, o luns celebrarase a reunión do xurado do certame de poesía e o 3 de maio da categoría de xornalismo. Os premios Johán Carballeira naceron como unha homenaxe do Concello ao político, poeta e xornalista bueués José Gómez de la Cueva.



Comentarios


bottom of page