top of page

Dúas bueuesas entre as gañadoras do V Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal

2 jun 2022
1 min de lectura

A Real Academia Galega (RAG) vén de publicar os relatos gañadores do V Concurso de microrrelatos. Entre os máis de 900 contos presentados, as bueuesas Antía Novas e Elena Pastoriza conseguiron os primeiros premios nas categorías de xuvenil e infantil, respectivamente.






Máis de 300 historias presentáronse na categoría de xuvenil, onde resultou gañadora Antía Novas, alumna de 2º de bacharelato do IES Johan Carballeira. Conseguiuno da man do relato "Sen", unha historia de pouco máis de cen palabras que desde o xurado consideraron "estremecedora". Na categoría de infantil, o relato gañador máis curto foi "O gran baile", de Elena Pastoriza, alumna do CEIP Montemogos de Beluso. Con tan só 16 palabras, fíxose co premio cunha "fermosa danza planetaria".


As gañadoras recibirán, nun acto que terá lugar proximamente na Real Academia Galega, diferentes galardóns tecnolóxicos e libros, así como a publicación dixital dos seus relatos. A revista Luzes tamén os publicará na súa edición en papel xunto aos finalistas.


Membros do xurado. Imaxe: RAG.

O xurado encargado de seleccionar os relatos gañadores estivo composto pola escritora Fina Casalderrey; o académico Ramón Nicolás; a secretaria de PuntoGal, Edita de Lorenzo; Cristina Ríos, membro do equipo da mesma entidade; e Santiago Romero Quintas, membro do comité de redacción da revista Luzes.

Comentarios


bottom of page