Ermelo celebra a festividade de Santiago con música tradicional e verbena
Haberá tamén actos relixiosos e unha homenaxe a María Paredes e Manuel Barreiro
O Concello de Bueu comeza a programación das Freguifestas coa primeira parada en Ermelo, coincidindo coa celebración do Día de Santiago o vindeiro luns. Ademais dos actos relixiosos, a programación combina música tradicional, verbena e homenaxes.
A xornada comezará ás 10.00 horas da mañá cunha ruta de sendeirismo que percorrerá a zona de Ermelo. Será ás 12.00 horas cando empece a soar a música, neste caso da man do grupo Retrouso e como precedente aos actos relixiosos na honra de Santiago Apóstolo, que terán lugar ás 13.00 horas. Tras isto, o grupo Distrito 7 será o encargado de amenizar a sesión vermú.

Xa trala tradicional comida, a programación retómase ás 18.00 horas cun obradoiro artístico impartido por Marc Taeger. Ás 20.00 horas será a homenaxe da aldea a Manuel Barreiro Boubeta e María Paredes Miranda, trala que actuará o grupo local Os Palleta Mollada. Finalmente, a xornada rematará cunha verbena, ás 21.30 horas, do grupo Distrito 7. Ao día seguinte tamén haberá oficios relixiosos na honra de Santa Ana.




Comentarios