Hoxe abre o prazo de inscrición para a Volta á Illa de Ons
Hoxe está prevista a apertura das inscricións, ás 14:00 horas, para a carreira e a andaina da Volta á Illa de Ons, que se celebrará o vindeiro 24 de abril. As persoas interesadas deben inscribirse a través da web Galitiming, onde tamén poden consultar todos os detalles sobre esta cita deportiva.
Trátase da sexta edición deste evento, organizado polo Clube Corredoiras e que a pandemia impediu celebrar nos últimos anos. As probas deste 2022 terán saída na zona do Igrexario da Illa de Ons, ás 11:45 horas para a andaina e ás 11:30 horas para a carreira. A distancia da carreira é de 20 quilómetros, mentres que andaina contará con 10.5 quilómetros, no mesmo percorrido pero só cunha volta e en ambos casos o itinerario estará sinalizado.

Precisamente, ao tratarse dun lugar tan único como Ons, a aceptación do regulamento supón tamén o compromiso e o respecto polo medio ambiente, cumprindo a normativa do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
As inscricións, tanto para andaina como para a carreira, inclúen tamén o billete de ida e volta a Ons. Tal e como se recolle nas normas, o horario dos barcos de saída será a partir das 8:15 horas da mañá do domingo, mentres que os de regreso farano a partir das 17:00 horas da tarde.
Todos estes detalles poden consultarse na información sobre o evento en Galitiming, así como o percorrido exacto. Esta nova edición da Volta á Illa de Ons supón o regreso dunha das citas deportivas máis aclamadas da vila. A súa fermosa localización, na Illa de Ons, é quen de conquistar a todas e todos os participantes.





Comentarios