top of page

"L'enfant salamandre", primeiro premio á mellor curtametraxe no FICBUEU

19 sept 2022
3 min de lectura

O FICBUEU puxo fin o sábado á primeira semana de programación coa entrega de premios, na que a curtametraxe francesa "L'enfant salamandre" foi elixida como a peza gañadora da Sección Oficial. O filme, dirixido por Théo Degen, recibiu o primeiro premio e unha contía económica de 2.000 euros.


A curta gañadora narra a historia de Florian, un rapaz que aos quince anos pensa que se pode comunicar cos mortos a través do lume e que o converte no "bicho raro" do seu lugar de residencia. O premio foi entregado polo edil de Cultura, Xosé Leal, tralo anuncio feito por Luis Parés, en representación do xurado da Sección Oficial.


Unha imaxe da gala de entrega de premios. Imaxe: FICBUEU.

O segundo premio, dotado con 1.000 euros, foi para "Interfon 15", unha curtametraxe romanesa dirixida por Andrei Epure. Neste caso, a deputada provincial de Turismo e Xuventude, Ana Laura Iglesias, foi a encargada de entregar o galardón. "Interfon 15" pon en primeiro plano reflexións sobre a vida, despois de que varias persoas descubran a unha muller inconsciente tirada fronte ao seu bloque.


O Premio do Público, presentado por María Ruíz-Falcó e Nerea Lores en representación do FICBUEU, recaeu sobre a produción neerlandesa "Vlekkeloos" de Emma Branderhorst. Noutra liña, o premio Galicia R á mellor obra galega foi comunicado por Pepe Coira, membro do xurado nacional e entregado por Alfredo Ramos, director da compañía R. Nesta edición houbo dúas pezas gañadoras ex aequo, "Rompente" de Eloy Domínguez e "El sembrador de estrellas" de Lois Patiño. Ambos recoñecementos recibiron unha dotación económica de 500 euros.


O recoñecemento á Mellor Curta Española foi para "Alopècia Androgènica" de Salvador Sunyer, cunha Mención Especial para "Harta" de Julia de Paz. No caso da Sección Descubertas, o filme gañador foi "Minimal sway while starting my way up", de Stéphanie Lagarde. No acto tamén se fixo entrega do Premio Cinema Galgeo 2022 a Miguel de Lira.


Presentación do "Caderno #3"

O festival viviu o sábado unha das xornadas máis intensas da súa programación. Ademais das proxeccións da Sección España e Galicia R, cos seus respectivos coloquios, tamén tivo lugar a gravación do programa de radio Carne Cruda.


Ademais, esa mesma mañá presentouse a terceira publicación do Caderno FICBUEU da man do seu autor, Severiano Casalderrey. A obra céntrase no Instituto de Investigacións e Experiencias Cinematográficas, posteriormente Escola Oficial de Cinematografía.


O autor, que vén de recibir o Premio María Luz Morales na categoría de mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional, narrou como foi o proceso de investigación deste terceiro caderno. Así, explicou a evolución e as diferentes etapas desta escola, así como os seus fitos máis importantes.



No acto tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que destacou o papel do audiovisual dentro do festival así como a promoción da lingua.


O MiniFIC abre paso

A programación do festival continúa esta semana co MiniFic, organizado para o público máis mozo. Esta mañá tivo lugar a proxección da Sección Escolas Internacionais e Escolas de Imaxe e Son e Facultades Galegas. Os premios foron para "Yi-yi" realizada por Lasalle College of Arts e "Algas negras", do IES Audiovisual de Vigo.


Desde mañá e ata o xoves será a quenda das proxeccións das Seccións Cativa, Infantil e Xuvenil, pechadas para os centros de ensino. O venres, o MiniFIC rematará coa Gala Escolas Galegas, un obradoiro de storyboard, un concerto de Brais das Hortas e a proxección da Sección Curtas en Familia.

Comentarios


bottom of page