Meiro recupera o Encontro do Millo Corvo con tres días de degustacións, coloquios e música
Unha das principais novidades deste ano é a cervexa artesá elaborada con esta variedade de millo
Despois de dous anos de suspensión pola pandemia, Meiro recupera esta fin de semana unha das súas citas máis agardadas, o Encontro-Degustación do Millo Corvo, organizado pola Asociación Cultural de Meiro e o Concello de Bueu. O recinto da Morada acollerá durante tres días un gran número de actividades, desde a ecotaberna e degustacións ata coloquios e actuacións musicais. Este evento, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia, supón a mostra ao público do traballo que a Asociación Cultural de Meiro realiza anualmente para a recuperación e mantemento desta variedade de millo, que comeza no mes de abril coa sementeira.

Desde a Asociación Cultural de Meiro atópanse satisfeitos por poder retomar esta actividade. "É como empezar de cero", afirmaba esta mañá Victoria Martínez na presentación do evento. Valoran a colleita que se empregará para o Encontro deste ano como "bastante boa", despois do cultivo en fincas como Chans e Agrosouto e na que lograron manter a raia ao xabaril.
Pola súa parte, o alcalde, Félix Juncal, indicou que se trata dunha edición especial, despois de dous anos sen celebrarse. "A situación actual reforza a aposta pola soberanía alimentaria e por produtos de proximidade", engadiu. Ademais, desde o Concello asumiron un papel na organización para reforzar o apoio coa asociación. "É o momento de sumar esforzos", conclúen.
Programación
O XXII Encontro do Millo Corvo comeza este venres coa muiñada nos muíños do Canudo, desde ás seis da tarde e que será en formato reducido pola situación actual, que levou a renunciar á tradicional queimada de medianoite. O sábado a programación empeza coa apertura da ecotaberna ás 11:30 horas, na carpa xa instalada na Morada, e onde se ofertarán produtos elaborados co millo corvo, como empanadas, pan ou ovos con chourizo. O punto doce chegará con elaboracións como bicas ou pastas.

E, sen dúbida, a gran novidade será a cervexa artesá galega elaborada con millo corvo, que se poderá degustar ás 12:30 horas, na presentación a cargo da mestra cervexeira Marta Galán. Á mesma hora tamén haberá un coloquio de Andrés Reboreda sobre microorganismos do solo. A continuación, ás 13:30 horas, chegará o punto exótico cun obradoiro de "Pinchitos mexicanos" con Mercedes Urbiola. Precisamente, as orixes do millo corvo están estreitamente vencelladas a este país. A música correrá da man do grupo DARTE, da ETRAD de Vigo, ás 14:00 horas.

Pola tarde do sábado a programación continúa coa charla "Contaminación na casa", seguida dun obradoiro de iniciación á cosmética. Ás 19:00 horas terá lugar o coloquio "O teu fogar como ferramenta de sanación". A noite pecharase coa música do cuarteto Mediarea, que estrea formación e repertorio.
O domingo, ademais da apertura da Ecotaberna, haberá unha ruta guiada da man da Illa dos Ratos polos muíños do Canudo, e na que hai que inscribirse a través do 661080853. Ás 12 horas terá lugar unha charla sobre o millo corvo na gastronomía a cargo do investigador Paolo Benincasa, do Instituto Max Planck de Física de Munich, seguida da actuación do grupo Trompos Os Pés.

As actividades do domingo pola tarde comezan cunha mesa coloquio sobre a multifuncionalidade do monte, con representantes das comunidades de montes veciñais. Ás 17:00 horas impártese o obradoiro "Encaixe de Horquilla", seguido dunha charla de agricultura ecosocial por Enrique Banet. Por último, o Encontro do Millo Corvo despedirase cunha actuación musical aberta. Durante estes tres días con epicentro no millo, tamén se proxectarán os documentais "Rexurdir do Millo Corvo" e "Testemuña dunha tradición".






Comentarios