top of page

Miguel Sande gaña o XXV Premio Johan Carballeira de Poesía

25 abr 2022
1 min de lectura

O XXV Premio Johan Carballeira de Poesía, convocado polo Concello de Bueu, xa ten gañador. Trátase de Miguel Sande, escritor e xornalista, que presentou o poemario "Brinde e desespero" e que foi o seleccionado entre as cincuenta e sete obras presentadas.


O xurado, que se reuniu esta tarde, estivo conformado polo profesor e crítico literario Manuel Forcadela, a poeta e gañadora da anterior edición, Xandra Táboas e o xornalista, crítico e editor César Lorenzo. Na acta, o xurado salientou a aposta pola prosa poética de "Brinde e desespero", que presenta unha lectura sobre o cotián desde o ángulo do inesperado.




Reunión esta tarde do xurado do Premio Johán Carballeira de Poesía. Imaxe: Concello.


O gañador deste ano, Miguel Sande, é xornalista, novelista e poeta, residente en Viveiro. Con "Brinde e desespero" continúa coa temática e o estilo iniciado en "Os filósofos xa non brindan con cicuta", Premio de Poesía Afundación 2019. Sande tamén recibiu no ámbito da narrativa o Premio Narrativa Breve Repsol, coa novela "Se algún día esta muller morta" e o García Barros por "A candidata".


O escritor e xornalista, gañador do XXV Premio Johán Carballeira de Poesía, Miguel Sande. Imaxe: Ed. Cuadernos del Laberinto.

O Premio Johan Carballeira de Poesía está dotado con 1.500 euros e coa publicación do poemario na próxima colección de poesía da editorial Xerais. Os premios naceron como unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, que tamén foi alcalde ata o seu fusilamento o 17 de abril de 1937. Ademais, a vindeira semana terá lugar a reunión do xurado que decidirá ao gañador ou gañadora da categoría de Xornalismo.

Comentarios


bottom of page