Nene´s Moda, Atlantic Coast e Panadería Ana Lorenzo recollen os premios do concurso de escaparatismo
O estaleiro da Banda do Río acolleu este mediodía a entrega de premios do concurso de escaparatismo de Nadal convocado pola Asociación de Veciños da Banda do Río. O primeiro premio foi para a tenda de roupa infantil Nene´s Moda, o segundo para o centro Atlantic Coast e o terceiro para Panadería Ana Lorenzo.

No acto de recollida tamén participaron diferentes membros da asociación veciñal. O seu presidente, Óscar Veiga, destacou a gran participación e a calidade dos traballos do concurso, que ten como finalidade a dinamización do comercio local nunha campaña tan importante como a de Nadal. Un total de vinte establecementos animáronse a lucir os seus mellores escaparates na terceira edición deste concurso.
Ademais da valoración do xurado, como novidade, tamén se tivo en conta a interacción que as fotografías dos escaparates recibiron en Facebook. A propia asociación encargouse de subir unha imaxe de cada establecemento, facilitando a participación de veciños e veciñas a través desta canle. Veiga sinalou que en semana e media recibiron catrocentos votos. "A xente e as costumes están cambiando", concluíu, facendo referencia á dixitalización. O comercio máis votado nas redes sociais foi Nene's, que recibiu unha mención especial xunto ao primeiro premio.
Desde a asociación lembran que a competitividade é o menos importante neste tipo de concursos, xa que o obxectivo principal é o fomento do comercio local. Tamén reafirman a continuidade desta convocatoria de premios, abrindo a posibilidade de estendelo a outras zonas da vila. No acto tamén participou o edil de Cultura, Xosé Leal, que destacou o traballo do colectivo veciñal para animar as compras nun Nadal atípico.





Comentarios