top of page

O 1º Trail do Nocedo reúne 176 participantes nunha proba que une deporte e patrimonio

25 mar 2022
2 min de lectura

Este domingo Beluso acolle unha nova proba deportiva, o 1º Trail do Nocedo, que tamén pon o foco sobre o patrimonio e a cultura da parroquia. Organizada pola Asociación Veciñal por Beluso (Asbel) e coa colaboración da Comunidade de Montes de Beluso e do Concello de Bueu, esta actividade reunirá a 176 participantes, unhas cifras que a organización considera "moi satisfactorias". Así o consatou Marcos Torres, presidente de Asbel na rolda de prensa desta mañá, na que tamén participou Noelia Cortizo, tesoureira do colectivo; o alcalde da vila, Félix Juncal e o edil de Deportes, Ricardo Verde.


O 1º Trail do Nocedo componse de dúas probas, un trail de 25 quilómetros e 1.200 metros de desnivel e un trailiño de 15 quilómetros e 600 metros de desnivel. Ambas comezan o domingo ás 10.00 horas, con saída do Parque Joe Novas de Beluso. O percorrido transcorrerá pola plena natureza da parroquia e compartirán os quilómetros iniciais.


Presentación esta mañá do Trail do Nocedo no Concello. Imaxe: Xornal de Bueu.


Recreación dos costumes


A primeira edición desta proba vai máis alá do deportivo e ten presente a riqueza patrimonial e cultural de Beluso. Haberá seis puntos patrimoniais nos que os deportistas se atoparán cun grupo de figurantes recreando antigas tradicións e costumes. Os lugares serán a antiga batería militar de Udra e os chouzos dos pastores, a salgadura de Mourisca, os muíños do Nocedo, os petróglifos das Abelaires ou a arte da pesca na praia de Area de Bon. "Quixemos apostar polo patrimonio, cultura e costumes da parroquia", explicou Noelia Cortizo.


Dentro da filosofía de Asbel, este proxecto conta tamén cunha acción social e albergará un posto de venda de produtos da Protectora de Animais do Morrazo. Ademais, poderase facer entrega de materiais de primeira necesidade como penso, correas ou produtos de limpeza.


Resultados

Tal e como informou hoxe a organización, outorgaránse diferentes trofeos. No trail, ademais do primeiro clasificado absoluto, haberá para os tres primeiros clasificados veterano 40 e 50 e para os tres primeiros clasificados senior. Tamén para o tres primeiros clasificados do trailiño e para os tres primeiros por equipos. A maiores, recoñeceranse ao primeiro inscrito no evento, ao deportista de máis lonxe, ao máis veterano, ao equipo con máis participantes ou ao primeiro clasificado de Bueu.


Pola súa banda, o alcalde, Félix Juncal, mostrouse satisfeito con este novo proxecto. "Estamos convertendo Bueu no maior parque temático do mundo, pois o noso territorio é o ben máis prezado, e do que xermolan proxectos tan interesantes coma estes, nos que se fusionan os recursos naturais coa cultura e a etnografía”. Tamén resaltou a importancia deste tipo de eventos nesta volta á normalidade.

Comentarios


bottom of page