top of page

O CEIP A Torre-Cela, un exemplo de innovación educativa

28 abr 2022
1 min de lectura

O pasado mes de xaneiro o CEIP Plurilingüe A Torre-Cela resultou gañador do primeiro premio Innovagal pola súa traxectoria nos últimos seis anos. O colexio recibiu esta mañá a visita do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, que destacou o "gran traballo en materia de innovación educativa" realizado no centro bueués de ensino público.



Un momento da visita esta mañá ao centro educativo de Cela. Imaxe: Concello.


O representante autonómico estivo acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez; o alcalde da vila, Félix Juncal; o edil de Cultura e Ensino, Xosé Leal e das concelleiras do PP, María Carmen Núñez e Elena Estévez. Na visita puideron coñecer de primeira man o proxecto que o colexio iniciou no 2018, tras facer formación de metodoloxías activas.


A directora do centro, Miriam Area, explicoulles os cambios que experimentou o colexio, como o impulso da biblioteca creativa, a radio escolar ou a horta. Así mesmo tamén empregan programas de titorización entre iguais, nos que os nenos e nenas se titorizan entre si en función da idade.



Ademais das reformas, tamén se implantou un Consello Escolar Infantil con periodicidade trimestral así como a posta en marcha da Escola de Familias. O delegado territorial, Luis López, destacou a "gran implicación" do centro bueués na implantación de programas educativos. Pola súa parte, o rexedor Félix Juncal, e o concelleiro de Ensino, Xosé Leal, mostraron o seu orgullo "porque se demostra día tras días que os centros educativos en Bueu está á vangarda e que son o presente o futuro desta sociedade".

Comentarios


bottom of page