top of page

Primeiro premio á innovación educativa para o CEIP A Torre-Cela

13 ene 2022
2 min de lectura

Actualizado: 26 ene 2022

O CEIP Plurilingüe A Torre-Cela vén de gañar o primeiro premio Innovagal, na modalidade de centro educativo, pola súa traxectoria nos últimos seis anos. A resolución, que foi adoptada o 23 de decembro, fíxose pública onte no DOG. Desde o colexio recibiron a noticia cheos de emoción e acollen este galardón como un recoñecemento ao seu traballo diario, xustamente tras celebrar o cincuenta aniversario do centro no 2021.


Alumnado participando nunha actividade no colexio. Imaxe: cedida polo centro.

Os premios Innovagal, impulsados pola Consellería de Educación, teñen como obxectivo premiar a centros e docentes cunha traxectoria de compromiso coa innovación educativa ao desenvolver enfoques didácticos que dean resposta ás necesidades do alumnado.


Precisamente, no 2018 o centro bueués levou a cabo un cambio de metodoloxía, aínda que xa antes empregaban diferentes ferramentas de aprendizaxe. "Fixemos formación de metodoloxías activas e en claustro decidimos cambiar a metodoloxía para facer iniciativas máis colaborativas. Queremos que os nenos experimenten, que aprendan facendo", explica a directora do centro.



Unha radio escolar, a biblioteca creativa, unha horta, robótica... Estes son algúns dos moitos proxectos nos que participan os 121 alumnos e alumnas do colexio. Outra das novidades foi o programa de titorización entre iguais, no que os nenos e nenas se titorizan entre si en función da idade. Aínda que a pandemia fixo que esta iniciativa tivera que parar, desde o centro esperan retomala cando sexa posible. Nesta liña, os espazos do colexio tamén tomaron outra dimensión, con remodelacións na biblioteca ou instalacións como portas corredoiras que lles permitiran traballar conxuntamente.



Alumnado no Ceip A Torre-Cela. Imaxe: cedida.


O apoio das familias tamén foi fundamental para realizar o cambio de metodoloxía e a súa resposta foi moi positiva. Ademais das explicacións, nais e pais puideron visitar unha mañá o colexio no primeiro curso no que se cambiou a maneira de traballar.


Agora, o primeiro premio Innovagal, dotado con 10.000 euros, vén de galardoar o seu compromiso coa innovación educativa. Un recoñecemento que anima a toda a comunidade educativa do CEIP A Torre Cela a continuar neste camiño.

Comentarios


bottom of page