O Club Corredoiras, campión da Liga Nacional de Billarda
O equipo de billarda do Club de Atletismo Corredoiras proclamouse campión na Liga Nacional de Billarda desta tempada. Por este motivo, o salón de plenos do Concello acolleu o mércores un recibimento oficial, no que o alcalde, Félix Juncal, destacou o espírito de compañeirismo e de esforzo do equipo. "Para nós supón un orgullo inmenso contar cun club coma o voso", destacou Juncal.

A historia do Club de Atletismo Corredoiras retómase ao ano 1995, trala unión de diversas persoas que participaban en probas deportivas de atletismo. Porén, co paso dos anos, o Club Corredoiras foi incorporando outras modalidades. Unha delas é o equipo da cachiza, nome baixo o que se coñece o deporte da billarda en Bueu. Na actualidade está integrado por Bego Outeiro, Charri, Beni, Adri, Fari, Ricar, Chefa, Bego e Lito. Todos eles recibiron un diploma por parte do Concello.

Ademais desta modalidade, o Club Corredoiras encárgase da organización de moitas probas deportivas como a Volta a Illa de Ons ou a carreira 21K Costa de Soavela. Os seus corredores e corredoras tamén participan en numerosos eventos deportivos, levando a unión deportiva de Bueu por toda a xeografía.
No acto estiveron presentes outros membros da corporación como a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo; o edil de Patrimonio, Arquivo e Bibliotecas, Alberto Moital; a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana Isabel Otero; o concelleiro de Deportes e presidente do Club Corredoiras, Ricardo Verde e a voceira do PP, Elena Estévez.




Comentarios