O Concello abre o prazo de licitación do servizo de socorrismo
O Concello vén de abrir o prazo de licitación do servizo de socorrismo para a tempada estival, cun orzamento base de 120.931,34 euros con IVE engadido. As empresas interesadas teñen ata o 21 de xuño para presentar as súas ofertas económicas.
O contrato servirá para cubrir a prestación do servizo de socorrismo entre o 1 de xullo e o 15 de setembro nos areais da vila con bandeira azul, é dicir, Area de Bon, Lagos, Banda do Río, Portomaior e Lapamán. Para iso, a empresa seleccionada terá que contar con 15 socorristas a xornada a completa de luns a domingo e un coordinador ou responsable do servizo tamén a xornada completa durante toda a semana.

O Concello de Bueu, tal e como consta na memoria xustificativa, sinala que precisa dotarse deste servizo por carecer de persoal especializado coa titulación adecuada no seu cadro de persoal. En anos anteriores, o servizo de socorrismo cubríase a través dunha contratación laboral, pero desde o Concello indican que a entrada en vigor da nova normativa laboral, "impide que se poida seguir levando a cabo desa forma e de aí que se acuda á licitación polo procedemento de urxencia".
Cando finalice o prazo de presentación de ofertas, está prevista a mesa de contratación para o 22 de xuño, cando se abrirán os sobres coas ofertas económicas e outros criterios valorables. Toda a información está dispoñible na Plataforma de Contratación do Sector Público.




Comentarios