top of page

O Concello abre o prazo para solicitar as subvencións deportivas

24 may 2022
1 min de lectura

O Concello vén de abrir o prazo para solicitar as subvencións destinadas aos clubs deportivos da vila, trala publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO). O prazo remata o vindeiro 7 de xuño e a convocatoria recolle as dúas liñas correspondentes aos anos 2020 e 2021, cun total de 80.000 euros.


Tal e como sinalaron desde o goberno local aos clubs e asociacións deportivas da vila, abriron esta convocatoria con dúas liñas correspondentes ao 2020 e 2021 co "obxectivo de poñernos ao día". As bases establecen un investimento de 40.000 euros por cada anualidade e cuns criterios similares a convocatorias anteriores.


Reunión cos clubs deportivos. Imaxe: Concello.

Poderán concorrer a elas as asociacións e entidades deportivas validamente constituídas, sen ánimo de lucro, con domicilio social en Bueu e que estean inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Bueu ou que teñan feita a solicitude. Tamén deberán atoparse ao corrente das obrigas tributarias, non ter superado o 100% do financiamento alleo da actividade mediante outras subvencións ou axudas, así como cumprir cos requisitos da Lei de Subvencións.


As bases das axudas establecen dúas liñas sobre os gastos subvencionables. Na primeira delas, relativa ás actividades deportivas, computan os gastos de pagamento de licenzas federativas, viaxes, seguros, aloxamentos, comidas por competicións, arbitraxes, adestradores/as, alugamento de instalacións deportivas, gastos telefónicos, compras de material deportivo... Na segunda financiaranse gastos para os desprazamentos fóra da Comunidade Autónoma Galega a competicións federadas de ámbito estatal.

Comentarios


bottom of page