top of page

O Concello activa medidas para reducir o consumo de auga ante a prelaerta por escaseza

26 jul 2022
1 min de lectura

Restrinxe os baldeos de rúas así como o emprego das duchas nas praias


Bueu súmase aos demais municipios que abastece a conca do Lérez e vén de publicar un bando ante a situación de prealerta por escaseza de auga activada pola Xunta o pasado mércores. Nel recóllese a activación de medidas de prealerta no abastecemento da auga así como un chamamento para o seu emprego responsable.


Ante o problema da seca, o Concello de Bueu adopta diversas medidas de aforro como a restrición de regos e baldeos de rúas e parques, a restrición ou mesmo supresión do emprego das duchas nas praias. Tamén apunta a evitar o lavado innecesario dos coches, limitar o uso da auga nas piscinas así como reutilizar a auga para outros usos ante a vindeira situación, con menos chuvias e cun aumento da demanda da auga.


Estas medidas teñen como obxectivo a anticipación ante un posible episodio futuro de escaseza de auga, así como a toma de conciencia dos concellos e da cidadanía sobre o seu consumo responsable. "Con só uns pequenos xestos diarios podemos axudar a coidar e consumir a auga de maneira responsable", indican desde o Concello.


Seguindo esa liña, o bando inclúe unha serie de recomendacións como o peche correcto de billas, o aproveitamento de auga para outros usos, minimizar o rego de xardíns axustando o consumo ou o peche de billas durante o cepillado dos dentes ou o enxabonamento na ducha. Tamén aconsella o emprego da lavadora a plena carga ou a elección da ducha en lugar do baño.

Comentarios


bottom of page