O Concello adquire novo material de natación para a piscina
A piscina municipal das Lagoas conta con novo material para natación, que será empregado polos usuarios e usuarias deste servizo. Así o destacaron o alcalde, Félix Juncal; o edil de Deportes, Ricardo Verde e o concelleiro de Cultura, Xosé Leal. Os tres participaron esta mañá nun acto de entrega xunto ao socorristas da piscina.

O material foi adquirido polo Concello co obxectivo de incrementar uns recursos que demandaban as persoas usuarias da piscina e que poden axudar ao nado ou á práctica de deportes como o aquagym. Agora, a piscina conta con dous tapices para a mellora do equilibrio, 30 churros para o control postural, 25 táboas de natación de tamaño mediano, 25 mancuernas e 25 pulseiras para fomenta da técnica e aprendizaxe. O material será empregado polas persoas que participan nas ximnasias organizadas polo Concello ou por aquelas que o desexen baixo a responsabilidade dos socorristas. Tamén se resolveron outras demandas da cidadanía coa dotación de lousas de PVC antideslizante nos vestiarios, para mellorar os accesos.
Primeiro ano de actividade
Neste primeiro ano de vida, o Concello abriu a piscina de forma gratuíta para dar a coñecer as instalacións á cidadanía, aínda que con horario reducido e con soamente acceso ao vaso. Desde o Concello sinalan que as cifras de asistencia "demostran que a infraestruturas segue afianzándose coma un gran centro deportivo e de saúde".

Os servizos técnicos e xurídicos do Concello atópanse ultimando os documentos para licitar o servizo de xestión dos próximos anos. Desde o goberno local sinalan que se trata dun "expediente complexo" no que se precisan varios documentos como un regulamento de funcionamento, a ordenanza fiscal na que se regulan os prezos públicos para as persoas usuarias, o contrato para a xestión do servizo así como a licitación do subministro do equipamento das salas deportivas, que se realizará a través dun renting. Así, o Concello confía en que as instalacións poidan estar completamente operativas e adxudicas a través dun contrato de xestión de servizos no derradeiro cuadrimestre do ano.
Actualmente, a piscina acolle clases de ximnasia e de mantemento deportivo, e tamén houbo sesións de zumba durante o Nadal e a Semana Santa. A súa apertura segue sendo gratuíta, en horario de luns a venres de 9.00 a 12.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas. Os sábados é de 9.00 a 12.00 horas. As persoas que se queiran inscribir poden chamar ao teléfono 986138689 ou mediante enderezo electrónico.



Comentarios