top of page

O Concello comeza a ampliación do cemiterio de Bueu, que terá 108 novos nichos e 52 columbarios

12 may 2022
1 min de lectura

As obras de mellora do cemiterio de Bueu xa están en marcha. Así o indican desde o Concello, despois da visita esta mañá do alcalde, Félix Juncal, xunto ao arquitecto técnico municipal, Alfredo de la Campa. A actuación permitirá dotar ao cemiterio con 108 novos nichos e 52 columbarios coa ampliación de dous bloques situados a ambos lados da porta principal. Tamén se situará unha nova fila con 27 cinseiros baixo a cuberta inclinada de remate dos módulos.


Visita ás obras de mellora e ampliación do cemiterio de Bueu. Imaxe: Concello.

Os traballos están sendo realizados pola empresa Construciones Castro Figueiro, cun orzamento de adxudicación de 84.144,72€, IVE engadido, que se financiará con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. Debido ás obras, desde o Concellos avisan á veciñanza de que o acceso desde a entrada principal quedará restrinxido, polo que o acceso será desde o tanatorio. O alcalde pide desculpas á cidadanía polas molestias ocasionadas pero destaca que se debe a "motivos de seguridade, mentres dure a obra temos que adoptar esta medida".


Esta ampliación ten como obxectivo cubrir a demanda dos últimos anos por parte da cidadanía. Ademais da ampliación, realizarase unha pavimentación dos acceso á zona, o arranxo do muro perimetral e o reforzo do pórtico de entrada coa substitución do portal actual. "Trátase de recuperar unha zona degradada e mellorar a imaxe do camposanto no pórtico de entrada e cos pavimentos", engade Juncal. Tamén se inclúe unha beirarrúa de 80 centímetros de acceso aos nichos, tal e como consta no proxecto técnico.

Comentarios


bottom of page