O Concello mellora a sinaléctica da vila con máis de 90 indicadores
O Concello de Bueu vén de comezar estes días a instalación de noventa e un indicadores repartidos en trinta conxuntos, baixo un proxecto de mellora integral da sinaléctica da vila. "Tiñamos unha carencia grande na sinalización de lugares, por iso apostamos por levar a cabo a substitución dalgúns sinais e a colocación doutros novos", apuntan o alcalde, Félix Juncal e o edil de Patrimonio, Alberto Moital.

A posta en marcha deste proxecto, cun orzamento de 20.000 euros, veu derivada pola deterioración da sinaléctica do municipio. "Atopamos inexistencia de sinais indicadores de lugares, instalacións municipais ou mesmo de rutas de sendeirismo", indican.
Así, tanto a veciñanza como as persoas visitantes demandaban unha actuación integral para a súa mellora, que permitira o acceso da cidadanía a espazos moi transitados. Precisamente, a mellora da mobilidade foi un dos requisitos á hora de confeccionar o proxecto. "O que facemos é desviar o tráfico pesado polas rúas mellor dotadas, co fin de perturbar o menos posible sobre todo nos meses de verán", destaca Moital.
A iniciativa lévase a cabo con fondos municipais e desde o goberno local sinalan que se trata dun "proxecto ambicioso". Súmase, ademais, á iniciativa realizada no 2015 para a sinalización de varios lugares nas tres parroquias.
Localizacións con novos sinais
Centros medioambientais da Aula da Natureza de Cabo Udra e o Centro de Interpretación de Agrelo.
Miradoiros de Cabo Udra, Chans e A Esculca.
Museo Massó e Estaleiro da Banda do Río.
Biblioteca Municipal Torrente Ballester, Casa do Pobo de Beluso, Centro Sociocultural de Cela.
Casa Consistorial, Centro Social do Mar, Casa da Música Manuel Omil, Policía Local, Oficina de Turismo e paradas de autobús.
Pavillón Pablo Herbello, pavillón de Beluso, nave de deportes náuticos, pista do Xistro, piscina municipal, campo de fútbol da Graña e de Laxes.
Igrexa de San Martiño de Bueu, Santa María de Cela, Santa María de Beluso, Ermida de San Mamede, Capela de Santiago de Ermelo, Capela dos Santos Reis.
Tanatorio municipal e cemiterios.




Comentarios