O Concello organiza a Freguifesta de Beluso con música, actividades para a cativada e unha homenaxe
O programa de freguifestas, organizado polo Concello, continúa esta fin de semana na parroquia de Beluso. O parque Joe Novas acolle desde hoxe e ata o luns diversas actividades como actuacións musicais, espectáculos familiares, xogos tradicionais e unha homenaxe veciñal, como xa vén sendo habitual nas freguifestas deste verán.
Nesta ocasión, réndese homenaxe ao antigo colectivo "Mozas e mozos de Beluso", que traballou durante máis de dez anos no restablecemento da tradición festeira da parroquia coa recuperación de citas como a Festa dos Mozos e que evolucionou coa organización do festival A Noite do Trasno.
A Freguifesta de Beluso comeza hoxe coa actuación de Coro Encaixe ás 21.30 horas, seguida do Dúo Verde Menta, ás 23.30 horas. O sábado será a quenda do grupo Tabernarios, conformado por Víctor Villa e Marcelo Dobode.
Outra das novidades deste ano será a I Mostra da Creatividade, que se celebrará o domingo desde ás 18.00 horas, e na que artistas locais ensinarán en directo os seus traballos, como talla de madeira, instrumentos tradicionais, artes plásticas e debuxo e deseño gráfico. O domingo continuará cun espectáculo familiar a cargo de Duende Circo e pechará coa actuación de Isidro Vidal Dúo.

O día grande, o luns, comezará cunha ruada ás 11.00 horas por Beluso a cargo de Os Liboreiros e cunha sesión vermú con Xosé Liz e Paula Gómez ás 13.30 horas. Pola tarde haberá xogos tradicionais e inchables infantís e terá lugar a homenaxe ás 20.30 horas, antes de dar paso á verbena amenizada por Grupo Distrito 7, ás 21.30 horas.
En caso de mal tempo, as actividades serán trasladadas a instalacións pechadas da parroquia. Ademais, xa esta semana, as actividades culturais do programa Espazo Convida 2022 tiveron lugar en Beluso, con contacontos, teatro e cinema.




Comentarios