top of page

O Concello renova farolas e luminarias en Vilar e Bon

31 ago 2022
1 min de lectura

O Concello vén de levar a cabo a renovación de dous tramos de alumeado na parroquia de Beluso mediante a substitución de dezasete farolas en Bon e oito en Vilar. Esta actuación, que dotou a esta zona de alumeado led, permitirá un aforro de 4.500 euros ao ano para as arcas municipais, tal e como sinalan desde o goberno local.


A renovación permitiu substituír as farolas de modelo villa, con potencias de entre 150 e 200 vatios, por outras de sistema led e cun consumo de 42 vatios. Ademais, tamén se perseguía poñer fin a diversos problemas de avarías, xunto a un excesivo consumo enerxético e un custe económico innecesario.


O alcalde e edil de Obras e Servizos, Félix Juncal, destaca que "estas obras son especialmente necesarias na actualidade, xa que o custe da enerxía sobe cada día". Así, sinala que se dá continuidade ás políticas dos derradeiros anos de implantación de sistemas led, cumprindo as medidas do Pacto das Alcaldías Polo Clima e a Enerxía (PACE) ou a Axenda 2030.


Novas farolas na zona de Bon. Imaxe: Concello.

Neste caso concreto, os custes actuais anuais situábanse en 6.000 euros anuais, mentres que coa actuación realizada estímase que descenda ata os 1.500 euros anuais, permitindo un aforro económico de 4.500 euros.


A substitución de luminarias proseguirá nos vindeiros meses e Juncal agarda que a finais de outono se poida levar a cabo a execución do programa IDAE II coa Deputación de Pontevedra. Este proxecto permitirá a renovación en zonas como Pazos Fontenla, Montemogos, Pousada e Banda de Río.

Entradas recientes

Ver todo

Comentarios


bottom of page