O Cross de Cabo Udra reúne este domingo a máis de 800 participantes
Beluso volve a converterse en epicentro do deporte. Este domingo, a contorna natural de Cabo Udra acolle a celebración do 6º Cross Popular de Udra, que contará con 841 participantes nas diversas categorías. O evento, que está organizado pola Asociación por Beluso (Asbel), foi presentado esta mañá en Chan de Esqueiros, onde tamén estiveron representantes dalgunhas entidades colaboradoras, como o Concello de Bueu ou a Xunta de Galicia. Tamén está apoiado pola Deputación de Pontevedra, así como por outras entidades públicas e privadas.
"Este ano retomamos a normalidade", sinalou Marcos Torres, presidente de Asbel. O Cross ofrece dez categorías diferentes, sete delas para escolares con saídas en quendas desde ás 10.o0 horas. A carreira popular, de 4 quilómetros, terá saída ás 11.00 horas e a absoluta, de 10 quilómetros, ás 12.00 horas. Esta última contará con 300 participantes, o máximo que manexa a organización. "É a primeira vez que se enche o cupo antes do peche do prazo de inscrición", sinalou Torres.

Tamén haberá unha andaina de 10.5 quilómetros que percorrerá a paisaxe natural da zona e para a que aínda quedan prazas dispoñibles. Poderán inscribirse aqueles que se acheguen o sábado a Chan de Esqueiros de 16 a 19 horas, coincidindo coa entrega dos dorsais.
O representante da Xunta de Galicia, Ramón Pereiro, agradeceu a Asbel a organización dun evento que "vai máis alá do deporte e aposta pola promoción da parroquia á vez que ten un compoñente social", sinalou.
No acto tamén participou o alcalde, Félix Juncal, e o edil de Deportes, Ricardo Verde. "Será un día festivo nun enclave espectacular, para gozar en familia e no que se agarda unha gran participación", explicou Juncal, que quixo agradecer o labor de Asbel e especialmente de Marcos Torres, "polo seu traballo para seguir apostando por estes eventos".
O Cross de Cabo Udra naceu no 2016 coa intención de recuperar o Cross de Beluso, unha proba deportiva que se convertera nun dos referentes provinciais a nivel escolar e popular durante os anos 80 e 90 e que tivo que deixar de celebrarse no 2003.

Máis alá do deportivo
O evento contará o domingo con diversas actividades paralelas que fan fincapé na solidariedade, a saúde ou o coidado polo medio ambiente. Precisamente, unha das novidades desta edición será a limpeza da praia de Acoradouro, prevista de 11.15 a 13.00 horas. Tamén están programadas clases de zumba de 10.45 a 12.00 horas, a cargo de Susi Alonso, e para a cativada haberá un rocódromo, parque infantil e xogos populares a cargo da Asociación Juan XXIII, que tamén realizou os trofeos desta edición.
A parte solidaria chegará con diferentes postos de colectivos da contorna, como a Fundación Diabetes Cero, Adicam, Agaela, Avempo ou a Protectora de Animais do Morrazo.
Desde a organización habilitarán aparcadoiros na zona, pero recomendan a todos aqueles que se aproximen ao Cross a que fagan os desprazamentos no menor número de vehículos posible.





Comentarios