top of page

O festival Art for Change leva a arte e a ciencia á rúa este sábado

28 abr 2022
3 min de lectura

Como afecta vivir nunha vila con mar, como Bueu, no día a día? Esta é unha das preguntas que orixina a celebración do primeiro Festival Artístico Solidario Art for Change, organizado pola comunidade educativa do IES Johan Carballeira , en colaboración co Concello de Bueu. A cita será un escaparte da expresión artística e científica, que sairá do centro para chegar a todos os recunchos bueueses este sábado.


O festival, que foi presentado esta mañá na biblioteca do instituto, enmárcase dentro do proxecto educativo Twinning Oceans of Culture, Culture of Oceans (OCCO). Tal e como explicou o alumnado, trátase dun gran proxecto no que participan xunto a países como Lituania ou Turquía. Ademais, o festival ten unha gran carga solidaria, co obxectivo de apadriñar unha balea, unha forma simbólica de colaborar con proxectos de conservación da biodiversidade mariña. Nesta liña, os fondos recadados estarán destinados a un centro de investigación mariña, o BDRI e a ONG Pallasos sen fronteiras-Peter Punk.




Presentación esta mañá do festival na biblioteca do IES Johan Carballeira.


Outro dos eixos de Art for Change é a colaboración entre a comunidade educativa. Este xerme, tal e como explicou a directora do centro, Asun Sóñora, procede da Feira da Ciencia e da Literatura. "A pandemia parouna, pero reformulamos a feira mantendo os principios básicos", sinalou. Precisamente, este sábado colaborarán outros centros como o CEIP A Pedra, CEIP da Torre-Cela, CEIP Montemogos, CPR Virxe Milagrosa, CPR Eduardo Pondal, Galiña Azul e o IES Frei Martín Sarmiento.


Programa

O festival terá diferentes escenarios co obxectivo de encher a vila de expresións artísticas e científicas. Os asistentes poderán visitar a carpa instalada na Praza Massó con doce postos onde o alumnado dos centros participantes presentará diversos proxectos multidisciplinares, que van desde experimentos ata xogos.




A Sala Amalia Domínguez Búa acollerá unha exposición fotográfica de mulleres vinculadas ao mar, que inclúen un código QR con acceso a pequenas entrevistas. Na Sala Multiusos do Centro Social do Mar haberá unha mostra plástica, mentres que na parte alta da Praza de Abastos a temática será a lingua galega xunto as matemáticas. Na mesma liña, a arte chegará ás librerías da vila con pequenas exposicións e á hostalería, que contará con manteis deseñados para a cita.


A inauguración do festival será ás 12.00 horas na fonte cibernética da Praza Massó, pero xa desde primeira hora o exterior do Centro Social lucirá unha alfombra floral deseñada para a ocasión polo alumnado. Trala apertura do festival haberá unha quedada musical con lingua de signos seguida dun recital de poesía por Míriam Ferradáns. A continuación terá lugar un micro aberto musical, no que se poden sumar aquelas persoas que o desexen.



Pola tarde, a programación arrinca coa presentación do proxecto "Wscientifics" na carpa, seguido dun obradoiro de baile tradicional e da actuación do grupo "As mosas do Hío". Tamén haberá obradoiros sobre baleas no Museo Massó e baixo inscrición previa no teléfono 886151101 ou no enderezo museo.masso@xunta.gal. O festival pecharase cunha serie de concertos no escenario exterior do Centro Social, con grupos como Napalm.





Na presentación desta mañá tamén participaron o alcalde da vila, Félix Juncal, e o edil de Cultura e Ensino, Xosé Leal. O rexedor destacou a importancia de visibilizar o traballo dos centros así como o seu apoio "para que se poida seguir celebrando".


Art for Change creará unha nova maneira de comunicar o traballo dos centros, baixo unha finalidade solidaria e poñendo o foco na concienciación do coidado do medio mariño. Así mesmo, tal e como sinalou a vicedirectora do centro, Noelia Lamosa, tamén se fomenta a inclusión coa visibilización da lingua de signos e a colocación de pictogramas. Un ámbito que pretenden seguir incremento en futuras ocasións.

Comentarios


bottom of page