O paro sobe en decembro na vila e suma 22 desempregados, pero o ano remata con 97 parados menos
As cifras do paro publicadas esta mañá revelan que no mes de decembro a vila rexistrou 751 persoas sen emprego. Este dato supón unha subida de 22 persoas máis con respecto ao mes anterior, cando existían 729 persoas buscando emprego. Porén, a evolución do desemprego anual resulta favorable. A vila comezou xaneiro de 2021 con 848 parados, 97 máis que actualmente.
Os datos publican o número de desempregados segundo diferentes criterios. No mes de decembro de 2021, o municipio contabilizaba 24 parados menores de 25 anos, cinco menos con respecto ao mes anterior. A subida experiméntase na franxa de idade superior aos 25 anos, con 727 persoas desempregadas, 27 máis con respecto ao mes anterior. Por sexo, dos 751 parados de decembro, 311 son homes (23 máis) e 440 mulleres (unha menos).
A serie divide o número de parados por áreas de traballo. No caso de decembro, ningún sector creou emprego en comparativa co mes anterior. A agricultura e a pesca foi onde se rexistraron as maiores destrucións de emprego, con trece parados máis con respecto a novembro. Na área industrial, na construción e no sector servizos, rexistráronse dúas persoas máis desempregadas respectivamente. No caso de persoas que non tiñan un emprego anterior, existen tres persoas máis nesta situación.

Baixada con respecto a 2020
A situación na vila é mellor comparada a de un ano atrás. En decembro de 2020, Bueu rexistrou 901 persoas en paro. Un ano despois, na vila existen 150 persoas menos en situación de busca de emprego.
Ademais, a evolución anual tamén foi favorable. En xaneiro de 2021 había en Bueu 848 persoas desempregadas, 97 máis que en decembro. Na seguinte gráfica podes consultar os datos de paro de cada mes durante o 2021:
Situación na comarca
O ascenso do paro de decembro vai na liña da comarca, que se sitúa con 5.316 desempregados, 20 máis que no mes anterior. Todos os municipios do Morrazo soben agás Marín, que rexistra 1.379 persoas en busca de emprego, 22 menos que en novembro. Cangas suma 13 persoas máis con 1.862 parados. O mesmo ocorre en Moaña, que ten 1.324 desempregados, sete máis que en novembro.
Porén, a comparativa anual volve a ser favorable tamén para a comarca. O Morrazo rexistraba 6.499 parados en xaneiro de 2021. Doce meses despois, en decembro hai 5.316 persoas desempregadas, 1.183 menos. Na seguinte gráfica podes observar a evolución anual do número de desempregados na comarca:
Unha ollada a Galicia
A comunidade pechou o ano con 152.584 parados, a cifra máis baixa dun mes de decembro de toda a serie histórica (1996), segundo informou esta mañá a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado. Apuntou que na evolución anual, a caída do desemprego en 37.003 persoas (-19,52%) é o maior descenso desde 1996.
Ademais, en decembro Galicia rexistrou 1.901 Ertes que afectaron a 5.276 traballadores ou traballadoras. Lado sinalou que "a evolución durante os meses que está a durar a pandemia resulta favorable, xa que neste período saíron dun Erte un total de 159.762 traballadores, o que supón o 96,80%".





Comentarios