top of page

O pleno rexeita o convenio de Portos de Galicia sobre a pesca recreativa

7 jun 2022
3 min de lectura

A sesión plenaria do mes de xuño, que tivo lugar onte, estivo centrada no debate de dúas mocións presentadas polo goberno local e que se dirixían a Portos de Galicia. A primeira delas para mostrar o rexeitamento ao convenio de Portos de Galicia sobre a pesca recreativa e a segunda delas para que o ente público asuma o mantemento e conservación da totalidade dos espazos que lle pertencen. Ambas mocións lograron saír adiante cos votos a favor do BNG, ACB e PSOE, mentres que o PP decidiu absterse.


Coa primeira das mocións, BNG e ACB mostraron a súa oposición ao convenio remitido por Portos de Galicia para o control da práctica da pesca deportivo. Un documento que consideran "improcedente e inoportuno" ao ter que asumir os concellos competencias que pertencen a Portos. "Pretenden que as entidades locais asumamos tarefas de vixilancia e sinalización das zonas de pesca así como posibles responsabilidades patrimoniais derivadas", sinalan os grupos de goberno local. Ademais de rexeitar a proposta do convenio, a moción solicita a mediación da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).


Un momento da sesión plenaria de onte. Imaxe: Concello.

"Queren poñer ao concellos no foco do problema, cando o xeran eles e deben poñer solucións e atender ás demandas da cidadanía", sinalou o voceiro do BNG, Xosé Leal. Na mesma liña expresouse o voceiro de ACB, Julio Villanueva, que explicou que os convenios "son acordos entre dúas partes, non se trata de ordenar e obedecer".


Pola súa parte, a voceira do PP, Elena Estévez, anunciou a abstención do grupo popular, motivada por que a moción inclúe un rexeitamento total ao convenio. "Teríamos que analizar a proposta e vela punto por punto, e facer consideracións tendo en conta as particularidades do porto de Bueu", argumentou Estévez que botou en falta "un compromiso de facer unha contraproposta cos puntos en desacordo".


A segunda das mocións que tiña a Portos de Galicia como protagonista, demandaba instar ao ente a "asumir as súas obrigas de mantemento e conservación da totalidade dos espazos portuarios e non só dos que teñen un uso directamente portuario". De non suceder, BNG e ACB propoñen a súa desafectación e reversión a dominio público marítimo terrestre. Tamén se propón remitir a Portos as liquidacións correspondentes ao mantemento dos espazos portuarios que realiza o Concello.


"A veciñanza ten o mesmo dereito a un retorno das taxas que pagan nas infraestruturas igual que calquera outro concello", enfatizou o alcalde, Félix Juncal. "Creo que o que estamos pedindo é de xustiza, o correcto e o legal" sinalou Juncal.


A postura do PP ante esta moción foi semellante á anterior e o seu voto foi a abstención. "Neste momento non se pode instar a Portos a que asuma todo o mantemento, porque hai unhas concesións en vigor", argumentou Estévez.


Moción "Bueu máis limpo"

No pleno de onte tamén se debateu unha moción presentada polo PP, baixo o nome "Bueu máis limpo" e que instaba ao goberno local á adopción de medidas, como campañas de concienciación e a publicación dun bando de Alcaldía, ante a presenza de excrementos de animais de compañía nas rúas. Isolina Villanueva sinalou que este feito "orixina un Bueu insostenible" e propuxo buscar solucións con medidas como a reposición de bolsas para excrementos caninos ou carteis indicativos.



Pola súa banda, o voceiro do BNG, Xosé Leal, recordou a campaña de concienciación realizada no 2017. "Xa se cumpriu o obxectivo de dotar ao Concello desa infraestrutura e manter bolsas de lixo en cada unha das papeleiras non é axeitado", explicou.


O voceiro de ACB indicou que a concienciación en Bueu é ampla. "A xente sabe de sobra que ten que recoller, pero hai uns incívicos que por moito que se lle diga non o van facer", remarcou Villanueva. Pola súa parte, o voceiro do PSOE, José Manuel Vilas, apoiou á moción ao considerar que "as campañas xurdiron efecto, pero sempre hai que non ten esa conciencia". Finalmente, a moción non foi aprobada ao contar cos votos a favor do PP e do PSOE e en contra de BNG e ACB.


Aprobación do expediente de contratación para as obras da biblioteca Torrente Ballester

O pleno deu luz verde onte á aprobación do expediente de contratación da obra de reforma e ampliación da biblioteca municipal Torrente Ballester, cun orzamento superior aos 900.000 euros financiado con cargo ao Programa ReacPon e ao Plan Concellos 2022-2023, ambos da Deputación de Pontevedra.


O rexedor sinalou que esta obra "permitirá gañar máis espazos" así como a mellora da accesibilidade, mobilidade ou eficiencia enerxética. Elena Estévez expresou o voto a favor do PP e pediu ao goberno local "a máxima celeridade dentro dos prazos administrativos".

Comentarios


bottom of page