O PP critica a denegación para crear unha mesa de seguimento dos eólicos
A voceira Elena Estévez apunta a unha "dobre moral do BNG" e critica que "ao alcalde só lle importan os eólicos para facer política de titular e non para tomar decisións reais"
O pasado 19 de xaneiro, o pleno aprobou unha moción presentada polo BNG en defensa dos montes e contra o modelo dun parque eólico no Morrazo. A proposta contou co voto en contra do grupo municipal do PP. A súa voceira, Elena Estévez explicou que non existía ningún proxecto eólico para a comarca, tal e como llo comunicara a Dirección Xeral, e propuxo a creación dunha mesa de seguimento dos eólicos. Agora, o PP informa nun comunicado de que o alcalde denegou a creación da mesa e a voceira popular considera que "só lle importan os eólicos para facer política de titular e non para tomar decisións reais".

Estévez califica a decisión como "un ridículo máis do BNG" e volve a incidir en que "resulta absurdo levar a pleno unha moción para rexeitar uns eólicos sobre os que non se presentou ningún proxecto". Reitera tamén a moratoria de ano e medio aprobada pola Xunta, que impide a tramitación de máis proxectos eólicos durante ese tempo. A voceira do PP municipal considera que o alcalde "responde ante o BNG e non ante os veciños e veciñas que queren un control rigoroso e eficaz como o que se conseguiría a través da mesa que propoñemos".
A proposta do grupo municipal do PP, tralo voto en contra da moción, foi crear unha mesa de seguimento dos eólicos con voceiros dos partidos, representantes das comunidades de montes e da plataforma en contra dos eólicos así como un técnico da Consellería de Economía, a través da Dirección Xeral de Planificación Enerxética,
Elena Estévez sinala que a principal motivación para denegar a mesa de seguimento é que vén proposta polo grupo municipal do PP. "Se é o PP quen fai a proposta, en palabras de Xosé Leal (aludindo a declaracións plenarias) é marear a perdiz", explica á vez que considera que existe unha dobre vara de medir. "O que ao goberno lle interesa é simplemente caldear o ambiente, quentar motores de cara ás municipais, e facer política de foto e titular”.
O comunicado da voceira do PP remata dicindo que "é bastante descarado que no PMUS o goberno propoña crear minieólicos no propio porto de Bueu e agora veña ao pleno creando polémica con mocións totalmente estériles”. Cómpre mencionar que este xornal puido comprobar que dita referencia aparece no PACES (Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible) ao incluír esta afirmación: "considerase o potencial para a implantación de elementos minieolicos en instalacións portuarias".



Comentarios