top of page

O pleno aproba unha moción en defensa dos montes e rexeita o modelo dun parque eólico no Morrazo

20 ene 2022
3 min de lectura

Bueu celebrou onte a sesión plenaria do mes de xaneiro, cun debate focalizado na enerxía eólica e o seu impacto no medio natural. A posible instalación dun parque eólico na comarca do Morrazo, que hipoteticamente afectaría a Cela e Ermelo, fixo saltar as alarmas da sociedade bueuesa. O BNG presentou onte unha moción en defensa dos montes da comarca do Morrazo e a prol dun modelo de enerxía eólica sostible e xusta. A moción saíu adiante cos votos a favor do propio BNG, ACB e PSOE e contou coa negativa do PP.



Un momento da sesión plenaria celebrada onte no Centro Social do Mar.

A sesión comezou coa lectura da moción por parte do voceiro do BNG, facendo referencia ao boom eólico en Galicia. O contacto da empresa ACS con algunhas comunidades de montes foi o primeiro sinal que levou á constitución da plataforma Eólicos no Morrazo Non, que recentemente celebrou unha reunión informativa no mesmo Centro Social, cunha ampla participación veciñal.





"A propia Mancomunidade de Montes acaba de posicionarse en contra deste proxecto ao considerar que a instalación destes muíños pon en perigo os acuíferos dos que dependemos", sinala a moción presentada polo BNG, que tamén alude ao impacto paisaxístico e na vida de persoas e fauna. Por eses motivos, o documento insta a rexeitar un parque eólico no Morrazo así como a posta en valor de enerxías limpas e respectuosas co medio.


O PSOE confirmou o seu voto a favor. "Estou de acordo con practicamente toda a moción. Estaremos a favor dos eólicos se cumpren, non a calquera prezo", afirmou o voceiro. José Manuel Vilas tamén mencionou o impacto deste tipo de instalacións nos montes galegos.


Pola súa parte, ACB apoiou a moción, a pesar de non compartir a exposición de motivos. "Este parque eólico, cos metros que pode ter, no Morrazo non está ben, coa poboación por metro cadrado e co preto que está das vivendas, consideramos que non é o mellor sitio. A nosa postura é eólicos si, deste xeito non", concluíu Julio Villanueva.





Na liña oposta, o PP votou en contra. A voceira, Elena Estévez, afirmou que a dirección xeral vén de confirmarlle que non consta ningún proxecto presentado para tramitación que afecte á vila. "Entendemos a preocupación da veciñanza, pero ahora estaríamos votando non a algo que non existe", explicou.


Estévez tamén aludiu a medidas da Xunta como a moratoria de ano e medio e pediu a creación dunha mesa de traballo que inclúa a plataforma, representacións da comunidade de montes e persoal técnico da Xunta para recabar información. "Paréceme un pouco precipitada a moción, imos votar en contra pero estaremos pendentes no suposto de que se presente algún proxecto", completou.


Ante a negativa do PP, o voceiro do BNG apuntou a que "o único problema é que a moción vén proposta polo BNG". Leal recalcou que o obxectivo era transmitir a inquedanza veciñal e a defensa da comarca. "Pedimos á Xunta que este non sexa o modelo eólico xa que a fisonomía do Morrazo non o acepta", destacou. Estévez, pola súa banda, contestou que estaban en contra do sentido da moción. "Estamos votando non a nada, nin hai proxecto, non consta no departamento de planificación enerxética", reiterou.


O debate rematou cunha intervención do alcalde, Félix Juncal. "Hai decisións, as coñezamos ou non, que xa están adoptadas. Todo isto se tramita de forma pouco transparente", expresou Juncal. Tamén aludiu á exclusión de participación dos concellos e comarcas nos plans estratéxicos. "Unha hipotética actuación suporía un cambio radical da comarca, é oportuno que se debata aquí e agora", sentenciou.


Coa aprobación da moción, Bueu súmase a outros Concellos da comarca que xa trataron este asunto ou teñen previsto facelo en vindeiras datas.

Comentarios


bottom of page