top of page

O PP critica o encargo dun informe "de incógnito" sobre os bombeos da rede de saneamento

6 abr 2022
2 min de lectura

O grupo municipal do PP vén de remitir un comunicado no que cuestiona o encargo dun informe sobre os bombeos da rede de saneamento da vila, que consideran unha "nova saída de ton" do goberno local, conformado por BNG e ACB. O informe, encargado á empresa Lagares, tiña como obxectivo avaliar "inicialmente de incógnito" as infraestruturas dos bombeos, para manter o control da concesionaria, e sen acceso á parte interior. A voceira do PP, Elena Estévez, acolle con incredulidade que "se gasten 600 euros nun informe que di que non se pode informar".


O punto máis sorprendente para Estévez é que se solicite unha avaliación de incógnito, sen informar á empresa concesionaria e sen poder acceder ao interior das infraestruturas. "Supón un absurdo completo, xa que o informe carece de información fundamental e vai haber que volver pagar outro por que este se fixo de forma chapuceira por petición do goberno", engade Estévez, que considera este feito "unha mostra máis do despilfarro de cartos públicos", ao conter só tres folios de texto e unhas fotografías.


O informe ao que se fai referencia tiña como obxectivo manter o control da concesionaria do servizo municipal, ante dúbidas da eficiencia dos bombeos. "Requiríusenos para avaliar inicialmente de incógnito, sen presenza da concesionaria para coñecer o réxime de funcionamento das infraestruturas dos bombeos máis conflitivos", explican os antecedentes.



Os técnicos realizaron unha comprobación acústica en catro datas diferentes dos bombeos de Agrelo, Loureiro e Beluso e sinalan que para unha comprobación "máis eficaz" é necesario contar coas chaves dos cadros eléctricos. "O procedemento, condicionado pola necesidade de facelo sen coñecemento da concesionaria impide verificar os contadores", apuntan.


A voceira do PP pon o foco sobre este último aspecto. "A parte informante di que se pode requirir á concesionaria para que facilite as chaves, tal e como consta no informe, pero pola cabezonería do alcalde acaban de malgastarse 600 euros que se podían destinar a outras cousas das que Bueu anda moi falto", apunta. "É necesario que o alcalde e o seu equipo aprendan a xestionar fondos públicos, despois de anos de desgoberno siguen tirando cos cartos cada día que pasa, con multas e sancións froito da falta de rigor no público", conclúe Estévez.


 
 
 

Comentarios


bottom of page