top of page

O PP cualifica a área de autocaravanas como "un engano a toda a veciñanza"

29 ago 2022
1 min de lectura

A apertura da área de caravanas e autocaravanas en Achadiza, que tivo lugar a comezos de mes de xeito provisional, vén de motivar críticas por parte do Partido Popular de Bueu. O concelleiro Suso Piedras considera a obra "unha chapuza e engano á veciñanza" e alude ás "mentiras e improvisación" do BNG. Desde o PP remarcan o "pésimo estado" do camiño de acceso á área así como o estado desta. "É unha simple escavación sen os servizos necesarios", indican.


Imaxe da área de caravanas e autocaravanas en Achadiza.

Piedras cuestiona as accións do goberno local durante os plenos municipais. "Hai case dous anos, o PP presentamos unha moción para a creación dunha área de autocaravanas e BNG e ACB votaron en contra porque dicían que o asunto levaba anos na axenda do goberno, pero a realidade deixa ver que isto foi a enésima mentira dun goberno á deriva", explica Piedras. O popular tamén se dirixe ao vicealcalde, Julio Villanueva. "Chegou a recoñecer publicamente que votaba en contra de todo porque viña do PP, sen valorar a iniciativa", manifesta.


O PP pon o foco neste tipo de turismo. "Somos, en contraposición coa forma de actuar de Félix Juncal, totalmente claros: queremos un turismo de autocaravanas ben xestionado e sostible, que non afecte ao día a día de Bueu negativamente", explican, aludindo a que o gasto medio deste tipo de turismo se sitúa nuns 40 euros ao día por persoa. "Precisamos dun goberno local que xestione con claridade e eficiencia para que non se descontrole", conclúen.

Entradas recientes

Ver todo

Comentarios


bottom of page