O PP demanda ao goberno local o mantemento urxente dos cemiterios municipais
O grupo municipal do Partido Popular denuncia o "deixamento de funcións do goberno local no mantemento dos cemiterios" á vez que esixe o seu mantemento. Así o expresaron esta mañá a voceira do Partido Popular de Bueu, Elena Estévez, e a concelleira Macame Núñez, que visitaron os camposantos de Beluso, Cela e Eremelo para comprobar o seu estado. Ambas sinalaron a presenza de grandes herbas así como o deterioro xeneralizado dos nichos, panteóns ou tumbas.

Desde o PP, apuntan a que esta situación non é exclusiva dos cemiterios que visitaron esta mañá. "Estamos ante un problema xeneralizado que non se está solucionando por falta de interese", indicou Núñez. Pola súa banda, Estévez tamén se referiu ao edil de Obras e Servizos, Félix Juncal. "Prefire estar a outras cousas, en vez de preocuparse do mantemento diario dos espazos municipais, que é o que toda a veciñanza demanda", engadiu Estévez.
As populares esixen unha "xestión eficaz dos recursos públicos" para cubrir este tipo de necesidades. "Non ten razón de ser o abandono de todos os espazos públicos, e que só fagan caso a golpe de foto en redes, como ocorreu na pista da Banda do Río, estivemos un ano protestando polo seu estado e non se reparou ata menos dun ano antes das eleccións", explicou Macame Núñez.

Estévez e Núñez demandan ao alcalde "unha planificación do traballo do persoal municipal e das necesidades habituais" para o mantemento dos camposantos e doutros espazos como beirarrúas ou cunetas. "Unha vez máis queda clara a necesidade de que o goberno faga unha política de contratación de emprego e que deixe de renunciar a axudas que servirían para manter o municipio en bo estado", conclúen.




Comentarios