O PP demanda "unha actuación urxente" nas praias da vila
O estado dos areais da vila volve ser obxecto de queixas por parte do grupo municipal do PP, despois da visita da súa voceira Elena Estévez, e do concelleiro Suso Piedras. A voceira popular cualificou de "despropósito" o seu aspecto e relacionouno coa "ausencia dunha persoa que coordine as actuación". Deste xeito, o PP demanda ao goberno local que "lle preste atención a todas as praias".
Estévez e Piedras destacaron o "pésimo estado" da varanda da praia de Lapamán e sinalan que "a semana pasada provocou que unha persoa tivese que acudir ao hospital ao apoiarse nela e ceder a varanda". Así, critican que o elemento non se cambiara "ata despois deste feito". Consideran que evidencia "unha proba máis de que o goberno local non leva a cabo as tarefas de mantemento nin de revisión".

Outro dos elementos sobre o que pon o foco Suso Piedras é o "mal estado da silla anfibia" e considera que "debería ser unha das pedras angulares, favorecendo a inclusión de todas as persoas". Instan tamén ao goberno local á apertura da aula didáctica de Agrelo.
A voceira, Elena Estévez, reitera tamén as demandas relativas á praia de Area de Bon e que pasan polo pintado das zonas de ambulancia, a praza de aparcadoiro para as persoas con discapacidade e as liñas amarelas para non estacionar na beirarrúa. "Semella que o goberno local non lle dá a máis mínima importancia á seguridade das persoas como demostra que aínda non se solucionasen os problemas das verteduras baixando polo medio da estrada", destaca.
"Cando teñen previsto ter a punto os areais bueueses? En decembro?", ironizou a voceira tras indicar "as numerosas queixas que se están a recibir". Piedras, pola súa parte, insta a Juncal a "actuar ou facerse a un lado na xestión de obras e servizo".




Comentarios