O PP denuncia "o mal estado das praias" durante a tempada estival
Ante o remate da tempada estival, o PP de Bueu vén de denunciar o estado dos areais da vila durante os últimos meses, unha situación que cualifican de "vergoñenta e alarmante". A concelleira María Blanco reclama "seriedade e planificación" así como "unha nova política de xestión do persoal e servizos".
A popular sinala directamente ao alcalde, Félix Juncal. "Decidiu non delegar as competencias de obras e servizos e asumilas directamente, o que hoxe estamos pagando os 11.950 habitantes de Bueu e as persoas que nos visitan", explica Blanco, á vez que apunta a que o estado da vila "é totalmente decadente, especialmente nas parroquias".
Unha das praias sobre as que pon o foco o PP bueués é a de Lapamán, que pertence a Bueu e a Marín. "Denota dous modelos de traballo totalmente opostos, o espazo de Marín está limpo e ben mantido e o que pertence a Bueu parece esquecido", indican. Blanco tamén resaltou feitos como "o nulo coidado dos acesos, non se baldean os contedores e a limpeza é bastante deficiente pola xestión horaria e a falta de persoal".
Así, Blanco remata cuestionando "o modelo de antixestión que se traslada a moitas da praias da nosa vila" e que cualifica como "unha falta de respecto a toda a veciñanza que vai aos areais e aos turistas que nos visitan".




Comentarios