O PP reclama un horario "máis lóxico e adaptado ás necesidades" para a oficina de turismo
Este verán, a oficina de turismo da vila trasladouse á planta baixa do Concello, no espazo da antiga Biblioteca Popular Municipal. Esta decisión vén de ser cuestionada polo grupo municipal do PP. A súa voceira, Elena Estévez, considera que o traslado "non supuxo ningún beneficio para os visitantes" e "invisibilizou o servizo".
A popular criticou os horarios da oficina, que abre de 10.00 a 15.30 horas todos os días agás o martes, que permanece pechada. "Calquera persoa é consciente de que estas quendas non permiten ofrecer un servizo de calidade como esperan os turistas", indicou Estévez, en alusión ao peche das tardes.

Desde o PP aluden á "falta de planificación" do goberno local. "Nin se retirou a sinalización do anterior emprazamento", explica Elena Estévez, referíndose a Sala Amalia Domínguez Búa.
A voceira diríxese tamén á concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo. "Anímoa a explorar espazos visibles e que realcen o labor dos profesionais", explica Estévez, que pon como exemplo a colocación dunha caseta no lugar do antigo quiosco, próximo á Praza de Abastos, e mediante un convenio con Portos. "Sería un espazo que dotaría ao servizo de total independencia e lle daría unha gran visibilidade, potenciando a prestación do servizo", remarcou.




Comentarios