top of page

"O tempo ten memoria", un ciclo de conferencias para poñer en valor a historia da vila

27 jul 2022
1 min de lectura

Todas as actividades terán lugar os mércores ás 20.30 horas no Centro Social do Mar


O colectivo "O mar por diante" e o Concello de Bueu poñen en marcha do 27 de xullo ao 24 de agosto o ciclo de conferencias "O tempo ten memoria", co obxectivo de poñer en valor as lembranzas e os recordos da vila mariñeira así como das súas xentes. Precisamente, as actividades comezan hoxe cun concerto sobre música no exilio, con Ana Senn no piano e Hugo Rodríguez no clarinete.


Tralo concerto inaugural, o ciclo de conferencias continuará o vindeiro 3 de agosto coa celebración da mesa redonda "Texto e territorio II". Nela, diversos escritores e escritoras locais reflexionarán sobre a creación así como a presenza de Bueu na súa escrita. Nesta ocasión participarán Antía Novas, Álvaro Otero, Suso Portela e Salvador Rodríguez, baixo a moderación de Salvador Castro.


Presentación do ciclo con membros do colectivo "O mar por diante" e o concelleiro de Cultura, Xosé Leal. Imaxe: Concello.

O 10 de agosto será a quenda do historiador local Arturo Sánchez Cidrás coa charla "Xentes de Bueu", na que dará a coñecer diferentes persoeiros da vila. A continuación, o 17 de agosto, o ciclo volverá acoller unha mesa redonda, esta vez baixo o título "Novelar a guerra" e coa presenza de Montse Fajardo, Xina Vega e Francisco R. Pastoriza. O obxectivo é falar sobre a forma na que a guerra se manifesta nas súas novelas.



As xornadas rematarán o 24 agosto coa proxección da curta "O estrobo no tolete", realizada por Manuel Yáñez e dirixida por Xaime Toxo. Trátase dunha obra audiovisual que afonda na permanencia da memoria e na arqueoloxía emocional do territorio.

Comentarios


bottom of page