top of page

Opinión | Orgullo

19 jun 2022
2 min de lectura

Actualizado: 19 jun 2022

Daniel Chapela: organizador das xornadas Id’ a San Momed’ e veciño


Orgullo! Xornal de Bueu bríndame este espazo para falarvos e eu só podo articular a palabra orgullo. Os filólogos –para iso estudo en Santiago– diríanvos en cantas sílabas se compón a palabra, que ten orixe no alemán antigo e que a parte tónica é gu, pero orgullo é moito máis ca iso. É o que sinto despois de pechar as xornadas Id’ a San Momed’ e é o sentimento que nos invade a moitos ao observar o incansable labor do asociacionismo en Bueu, que traballa sempre arreo para traernos o mellor á nosa vila.


Foi para min un orgullo que a Xunta de Galicia, o tecido asociativo e empresarial, a veciñanza etc., acollese a cultura deste xeito, levándoa a un gran lugar como San Mamede, espazo que na Idade Media tivo a Johan de Cangas compoñendo entre as súas paisaxes e que hoxe tivo a vinte persoas que pasarán aos manuais da historia da literatura galega observando o noso mar, o mar de Bon.


Foi para min un orgullo contar durante tantos días co apoio deses veciños senlleiros que lle dan sentido a todo o que facemos. De persoas implicadas como Delia Fariña, Dani Sánchez, Anxo González Guerra, Vitoria Ogando, Arturo Sánchez Cidrás… Non digo os seus nomes por casualidade do destino, senón porque son desas persoas que dan forza en todo momento, os primeiros en chegar e os últimos en marchar. Eles son sempre o punto de apoio, esa man nas costas que nos anima nos malos momentos. Sanamedio reuniu en dous días a entre 400 e 500 persoas, e esas que nos motivan estiveron aí incombustibles, demostrando que a elección do espazo non era unha casualidade da Providencia.


Este domingo, mentres ledes a miña columna, Bueu está cheo de flores. Non é pura casualidade tampouco, senón a demostración de todo o traballo que durante o ano foron facendo numerosas persoas ás que, humildemente, me sumo. Mari Novas, Carmen Farto, Carmen Comediante, Ito, Fina Cabanillas, Celsa, Mani, Eugenio, Teresa (fiel fotógrafa) e todas aquelas que naceron entre fiuncho e berberechos, coas mans metidas no asfalto.


É, en definitiva, traballo do noso asociacionismo. Das veciñas e veciños que todos os días nos enchen de vida. Das persoas que lle dan un toque de cor –e flores– a xuño.

Grazas por contar comigo!


Comentarios


bottom of page