top of page

Opinión | Somos tribo!

Por Daniel Chapela


Un autobús suca Galicia de norte a sur e de leste a oeste, levándome de Bueu a Quiroga ou a Mondoñedo, unha das sete capitais do Antigo Reino de Galicia. Mentres o mar se alonxa lentamente da miña vista, as imaxes de Bueu avanzan rápidas polos meus ollos. Os muíños do Canudo, a festa do Millo Corvo, as presentacións de libros, as alfombras florais etc. Sen dúbida, estas últimas son un dos elementos que máis definen a nosa vila, desde a festa do Corpus Christi até o Día do Carme, este ano fermosamente engalanado pola Asociación Cunchas e Flores.


Cando chego á altura de Cerdedo-Cotobade, son consciente de que esta fin de semana me perdo un deses días especiais do alfombrismo bueués, coa confección dun tapiz por parte do Colectivo Independente Alfombrista de Bueu. O seu labor, cun marcado carácter internacional, porá unha vez máis no foco a nosa vila, como xa fixeron o pasado ano cunha alfombra na que tiven a sorte de participar. Hoxe celebramos a segunda parte dese fermoso Ano Santo Xacobeo 21-22, dedicándolle un tapiz a todos eses peregrinos que percorren os camiños de Europa que atopan o seu fin no sepulcro do Apóstolo, na capital de Galicia.


Alfombra mundial do Xacobeo en Bueu.

Xa no 2021, aquela alfombra que creamos un pequeno e coidadoso grupo de persoas tiña motivos xacobeos, cunha imaxe en primeira plana do celebérrimo botafumeiro compostelán. Hoxe, un home camiña de costas destino a Compostela, e nós camiñamos un día máis cara á posta en valor do traballo do asociacionismo e do colectivo. Non hai outra forma de entender Bueu que sabendo á perfección que somos unión, comunidade, tribo. Sen iso non somos nada. Todos o sabemos! Desde as institucións e desde a cidadanía debemos apoialo!


0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo
bottom of page