top of page

Recoñecemento a unha tempada histórica do Club do Mar Bueu

20 sept 2022
2 min de lectura

Actualizado: 3 oct 2022

Un recibimento á altura da tempada histórica que o Club do Mar de Bueu vén de rematar. Así se pode definir o acto celebrado esta tarde nas inmediacións do Concello, onde máis dun cento de bueueses mostraron o seu apoio e agradecemento tanto aos remeiros como ao equipo directivo e membros do club. Fixérono ante a tempada máis brillante da súa traxectoria e que finalizou o pasado domingo tras acadar o terceiro posto no playoff de ascenso á Liga ACT e quedar ás portas da promoción.


Homenaxe ao Club do Mar Bueu esta tarde.

O equipo e membros do club foron recibidos pola corporación municipal diante da casa consistorial, en cuxo balcón ondeaban todas as bandeiras conseguidas polo equipo. O alcalde da vila, Félix Juncal, interveu para presentar esta homenaxe e apuntou a que os deportistas "tiveron un comportamento exemplar, deixando o nome de Bueu en moi bo lugar". Juncal agradeceu tamén o traballo e compromiso do Club do Mar Bueu así como a todo o deporte da vila.


A continuación tomou a palabra o presidente do club, Manuel Juncal, que afirmou sentirse orgulloso tanto dos remeiros como da afección e da súa participación. "Imos intentar seguir mellorando ano a ano con ilusión", concluíu, á vez que agradeceu o traballo do adestrador, José Ferral.



Os "seareiros", tal e como se denominan os afeccionados do club, lograron sorprender aos homenaxeados. Desde a praza realizaron diferentes intervencións e na primeira delas non dubidaron en lanzar uns "vivas", tanto ao club, á directiva, ao adestrador e a cada un dos remeiros como á rapazada das escolas deportivas e ao deporte local da vila.


Tras isto, os alí congregados interpretaron a canción popular "O andar miudiño", onde fixeron un xogo de palabras para cantar "Mira Maruxía, mira", aludindo ao club bueués. Seguiuna a tradicional "A Rianxeira", esta vez dedicada ao remeiro Ismael Lijó, natural de Rianxo. A homenaxe rematou cun unánime aplauso e unha fotografía coa afección, que quixo despedirse dos deportistas cun corredor.



O Club do Mar Bueu vén de vivir unha tempada histórica na que acadou fitos como ser campións de España de Traiñeiras e participar por primeira vez na clasificatoria da prestixiosa regata da Concha. O equipo tamén logrou o segundo posto na Liga Galega de Traiñeiras, despois de conseguir dominala ata as últimas xornadas. O último dos éxitos foi o terceiro posto no playoff de ascenso á Liga ACT, onde demostraron ter amplas posibilidade de promocionar. A vindeira tempada o club terá o reto de consolidar un proxecto que cada vez entusiasma a máis bueueses.

Comentarios


bottom of page