top of page

Rueda anuncia a aprobación dun proxecto de acondicionamento de Ons dotado con 1,4 millóns de euros

10 jun 2022
2 min de lectura

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou onte a aprobación dun proxecto para a mellora das infraestruturas básicas e da accesibilidade da illa de Ons, ademais de contemplar unha reordenación do mobiliario público. Este proxecto, dotado con 1,4 millóns de euros, enmárcase dentro do Plan Xacobeo Next Generation que persegue realizar proxectos de mantemento e rehabilitación do patrimonio histórico galego.


"Trátase de facer melloras nas infraestruturas básicas e na accesibilidade, na xestión de residuos, na sinalización ou no control de aforos de visitantes", adiantou Rueda sobre o proxecto de Ons. As áreas de actuación contempladas serán: o punto de acceso á illa, o centro de información, a rúa principal, o espazo do entorno da depuradora, o acceso ás praias do sueste ou a sinalización e mobiliario dos espazos públicos.



Este plan tamén inclúe a recuperación dos camiños da illa, a mellora do almacén para as dornas así como a habilitación dunha área para pescadores, cun novo portalón de madeira para "que permita controlar o acceso".


Alfonso Rueda sinalou que a primeira fase terá que ver coa recuperación da calidade do espazo público nas vías dun uso más intenso, coa renovación de acabados e introducindo materiais naturais e locais como o granito e a madeira. Tamén se levará a cabo a mellora das instalacións eléctricas da vía principal.


Por último, indicou que esta actuación do Plan Xacobeo Next Generation mellorará as rutas existentes en Ons, a través do acondicionamento da capa pisada naquelas áreas dos camiños máis deteriorados. Proponse tamén a dotación de puntos de descanso nas sendas con macizos de pedra sobre a terra para reducir o impacto visual e "camuflarse co entorno natural".


Proxecto "Life insular" para recuperar a paisaxe natural de "fai 70 anos"


Rueda avanzou onte que Galicia participará na iniciativa "Life insular" para a mellora dos hábitats de Cíes, Ons e Sálvora, co obxectivo de facelos resistentes ao cambio climático.


"A Xunta quere facer melloras no hábitat de Cíes, Ons e Sálvora para facelos máis resistentes ao cambio climático e para a restauración da súa paisaxe natural, co obxectivo de recuperar a situación de fai 70 anos", explica o presidente da Xunta. Búscase así minimizar o impacto de perturbacións externas.



O proxecto "Life insular" contempla a actuación sobre dous tipos de hábitats presentes tamén en Ons: as dunas costeiras con vexetación e os queirogais secos. Rueda adiantou que a Xunta asumirá a execución técnica do proxecto, mediante a eliminación e o control de especies exóticas invasoras, a supresión de plantacións forestais e con medidas de protección fronte a actividades humanas que incidan nos hábitats.


Outro dos eixos é a estratexia de sensibilización e difusión pública mediante xornadas específicas en datas sinaladas, así como accións de voluntariado, obradoiros escolares e colocación de paneis informativos. Ademais das illas galegas, en "Life insular" participarán tamén La Graciosa, en Canarias, e Irlanda.

Comentarios


bottom of page