top of page

Staffan Mörling dá nome a un campionato de dornas a vela

23 may 2022
2 min de lectura

A memoria do "sueco de Ons" así como a súa vinculación coas embarcacións tradicionais e a cultura mariñeira continúa a medrar. O antropólogo Staffan Mörling, falecido en maio de 2020, dará nome a unha campionato de regatas de dornas a vela. "Copa Mörling" é o nome co que a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) retoma a extinta "Copa Galicia de dornas a vela" e co que quere agradecer o labor realizado polo sueco a prol das embarcacións tradicionais galegas.


Staffan Mörling


"Non hai mellor forma de homenaxear a figura deste bueués de adopción que fomentando a exhibición de saberes de navegación tradicional e de embarcacións que supoñen as regatas de dornas a vela", sinalan desde Culturmar. Precisamente, o acto de presentación da primeira edición da copa foi no Museo Massó. Alí estivo o edil de Cultura, Xosé Leal, que recordou a importancia de Mörling, nomeado fillo adoptivo da vila en 2006. "O legado de Mörling sempre estará vivo mentres haxa embarcacións no mar", afirmou Leal.



Presentación da "Copa Mörling" no Museo Massó. Imaxe: Culturmar.

A "Copa Mörling" albergará cinco regatas de dornas a vela entre os meses de xullo e agosto. Serán nas vilas de Portonovo (18 de xuño), Cambados (2 de xullo), O Grove (30 de xullo), A Illa de Arousa (6 de agosto) e Combarro (27 de agosto).


Este evento procura lograr unha maior difusión da importancia das dornas como patrimonio material e da súa navegación como patrimonio inmaterial. O presidente de Culturmar, Xosé Luis Sacau, destacou que "a finalidade última é a convivencia e a cooperación entre embarcacións e colectivos de diferentes partes de Galicia". Así, a "Copa Mörling" servirá para afianzar a unión e xerar impacto turístico nas vilas costeiras que albergan as regatas. "Queremos barcos vivos no mar, non mortos nas rotondas", rematou Sacau.


Comentarios


bottom of page