Rutas de sendeirismo e obradoiros infantís para Semana Santa
Para asistir ás actividades será necesaria a inscrición previa
Baixo o lema "Semana Activa", a concellería de Turismo do Concello presentou esta mañá a programación para Semana Santa, que inclúe rutas de sendeirismo guiadas, obradoiros infantís e unha ruta urbana nocturna. As actividades, tal e como explicou a edil Silvia Carballo, están abertas a visitantes pero tamén á veciñanza bueuesa, nunha "oportunidade para coñecer a nosa tradición e valores". Carballo destacou tamén a "aposta por actividades sostibles de posta en valor do noso patrimonio cultural e natural".
As rutas de sendeirismo guiadas, baixo o nome "Bueu e os seus segredos", comezarán o xoves 14 cun sendeiro polo litoral, con saída desde o centro de interpretación de Agrelo e un percorrido ata Mourisca. A seguinte cita será o sábado 16, cun sendeiro circular por Cabo Udra con saída desde a Aula da Natureza. Ambas rutas son de dificultade media e cunha duración de tres horas, polo que se recomenda levar calzado e roupa cómoda, así como bebida e froita. Tal e como sinalou a concelleira, estas rutas prográmanse nos días festivos, co obxectivo de que poida acceder máis xente.

Outras das novidades chegará o venres 15 coa ruta urbana nocturna "E ti de quen ves sendo?", con saída ás 19:00 horas da Oficina de Turismo de Bueu. O percorrido transcorrerá polas rúas de Bueu botando unha ollada ás orixes e tradicións. "É unha oportunidade para coñecer curiosidades e datos para a propia veciñanza", sinalou Carballo.
Para a cativada, a Concellería de Turismo organiza obradoiros infantís o martes 12, o xoves 14 e o sábado 16. Os dous primeiros serán no entorno da piscina municipal, ás 12:oo horas e están dirixidos a nenos e nenas de 3 a 12 anos. Tal e como explicou a edil, seguindo o camiño iniciado no Entroido, os obradoiros contarán con persoal especializado en necesidades especiais. O derradeiro obradoiro será ás 18:00 horas en Cabo Udra, para a rapazada de 8 a 14 anos.

Todas as actividades precisan inscrición previa, que se poderá realizar a través dun formulario na web do Concello , no teléfono 986390029 ext.2 ou presencialmente no segundo andar do Concello.
Previsións Semana Santa
A Deputación estima unha ocupación media superior ao 60% na provincia de Pontevedra, con porcentaxes dez veces superiores nos días festivos, entre o xoves e o domingo. Estas previsións tamén poderían mellorar en función do tempo e as Rías Baixas recuperarían os niveis previos á pandemia.
Precisamente, a concelleira bueuesa, Silvia Carballo, destacou que xa o pasado verán se superaron as cifras turísticas previas á pandemia, segundo os datos da Oficina de Turismo de Bueu. A aposta polo turismo de proximidade e nacional podería repetirse esta Semana Santa, na que, como novidade, tamén abrirá o cámping da Illa de Ons.
Clases de zumba na piscina municipal
De xeito paralelo, a concellería de Deportes organiza clases de zumba gratuítas na piscina municipal das Lagoas, baixo o lema "Zúmballe a Semana Santa". As actividades serán do luns 11 ao mércores 14 de abril con dúas quendas: ás 19.30 e 20.30 horas.
As clases estarán impartidas por Susy Alonso Figueroa e teñen como obxectivo continuar ccoa promoción de hábitos saudables na veciñanza. Para participar será necesario inscribirse para cada día na piscina ou chamando ao 986138689 no seu horario de apertura: de luns a venres de 9 a 12 horas e de 17 a 21 horas e os sábados de 9 a 12 horas.

O concelleiro de Deportes, Ricardo Verde, destaca que "é importante propoñer actividades que combinen o deporte coa saúde, ao tempo que son alternativas de lecer".





Comentarios